Novas xornadas para reivindicar a gastronomía lucense

O Goberno da Deputación, a Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo (APEHL), representantes de empresas gastronómicas, das asociacións de produtores, das Indicacións Xeográficas Protexidas e das Denominacións de Orixe Lucenses mantiveron un encontro no que acordaron a creación de xornadas gastronómicas anuais, coas que se porá en valor a gastronomía lucense. Trátase dun evento destinado a dinamizar a actividade do sector servizos, mediante a degustación en restaurantes de toda a provincia de produtos acreditados con selo de calidade. A previsión é que as primeiras xornadas se celebren en abril e teñan unha continuidade nos vindeiros anos. 

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, subliñou que “a gastronomía lucense é un valor en alza que contribúe a impulsar a economía en toda a provincia e a atraer o turismo cara ao noso territorio. Con este acordo, pretendemos favorecer o consumo de produtos autóctonos. A clave deste proxecto é resaltar a calidade dos alimentos que se producen no noso territorio. É un paso máis na nosa aposta pola gastronomía como elemento promocional da nosa cultura”. 

“A gastronomía é unha chave para o desenvolvemento. Neste senso, temos dado pasos importantes, con selos de calidade que amparan zonas xeográficas concretas dentro do noso territorio, tanto de produción, como de transformación e elaboración dos nosos produtos. Os selos de Indicación Xeográfica Protexida e de Denominación de Orixe Protexida escudan, como non podía ser doutro xeito, unha gran cantidade de produtos galegos, e por ende, lucenses. Nun territorio onde cultura, tradición e diversidade van da man, a gastronomía constitúe un importante factor de promoción económica, social, turística e cultural”, destacou. 

Entre os obxectivos destas xornadas gastronómicas tamén se atopa a desestacionalización de produtos, como un incentivo máis que contribúa a xerar riqueza na provincia. O fin é dar continuidade á promoción de produtos fóra das épocas propias de produción.