Mosteiros pontevedreses para paliar a "fame de experiencias"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá o primeiro froito da súa campaña “Fame de experiencias”, unha dobre acción para revalorizar os principales mosteiros da provincia a través dunha guía impresa e dunha experiencia de realidade virtual. 

Silva está convencida de que a súa é a administración que máis está traballando para dar a coñecer o seu patrimonio, amosándose “orgullosa do que somos hoxe e do que levamos sendo dende os inicios da historia”. 

Neste senso, está convencida de que a nova guía espertará “moita fame” por vir a Pontevedra coa súa recopilación de datos históricos, características arquitectónicas e lendas asociadas aos mosteiros de Carboeiro (Silleda), Aciveiro (Forcarei), Armenteira (Meis), Santa María de Oia e San Benito de Lérez en Pontevedra. 

Editaranse inicialmente 2.000 exemplares da guía: 500 en galego, 500 en inglés e 1000 en castelán, aínda que a presidenta confía en ter que reeditar a edición unha e outra vez en función da demanda. 

Paralelamente, as gafas de realidade virtual que se repartirán nos mosteiros, nas oficinas de Turismo Rías Baixas e en centros de chegada como o aeroporto de Peinador permitirán achegarse a este mesmos mosteiros cunha experiencia inmersiva á que se poderá acceder cun teléfono móvil. Unha mostra de “que somos unha provincia moderna e que aposta polo seu patrimonio”,.