lV Concurso-Exposición Internacional da Camelia

Xa está aberto o prazo para que as persoas que desexen participar no lV Concurso-Exposición Internacional da Camelia se poidan inscribir. O evento terá lugar a fin de semana do 9 e do 10 de marzo, e que volverá ubicarse, ao igual que hai tres anos, no Recinto Feiral de Pontevedra. Espérase volver a repetir as cifras da edición de 2016, que se situara en torno aos 70 expositores e expositoras, e máis de 7.000 visitantes. 

Atendendo o avance do programa de actividades que se incluirán paralelamente á exposición, as xornadas técnicas centradas nos usos produtivos e forestais do cultivo da camelia, a pata máis débil neste momento que é o seu carácter produtivo, e o espazo gastronómico, no que se realizará un espectáculo de cociña en directo no que a protagonista será a camelia e os produtos derivados dela co cociñeiro Iñaki Bretal, en colaboración tamén co CIFP Carlos Oroza.

Tamén se está traballando na edición dun libro que recolle os xardíns históricos da provincia que será presentado no marco do Concurso-Exposición. O libro, que está coordinado pola xefa de Servizo da EFA, Carmen Salinero, conta con textos da autoría da propia Carmen Salinero, de Ángeles Barros, Gaspar Bernárdez, Xesús Fernández, e Antonio Rigueiro, e fai un exhaustivo e rigoroso percorrido pola historia, conxuntos botánicos, exemplares singulares de diferentes especies de árbores, e singularidades de cada un dos xardíns da provincia de Pontevedra.

No programa desta edición tamén se incluirá un espazo infantil durante a maior parte do tempo de apertura ao publico, atendido por monitores e monitoras.

Segundo estipulan as bases, as inscricións do concurso realizaranse a través do formulario normalizado dispoñible na web da Deputación de Pontevedra, https://www.depo.gal, desde o día seguinte da publicación das bases e ata as 13:00 horas do martes 5 de marzo de 2019. Poderán concorrer todas as persoas maiores de idade, profesionais ou afeccionadas, nacionais ou estranxeiras, persoas físicas ou xurídicas, sempre que realicen a súa inscrición segundo o establecido nas bases; e poderán presentarse flores de calquera especie e variedade de Camellia así como calquera híbrido seu.

Ao igual que en anteriores edicións, as bases recollen os premios establecidos no concurso como a Camelia de Ouro, os premios aos mellores lotes de camellia reticulata, japónica, ou híbridos, premios ás mellores presentacións artísticas, o premio especial Antonio Odriozola, e o premio especial da Sociedade Española da Camelia.

f_ depo.gal/