Escapada de inverno a Ourense con Renfe

Entre o 21 de febreiro e o 21 de marzo Renfe presenta a campaña “Escapada de Inverno”, unha oportunidade para visitar oito capitais do Norte de España en trens AVE ou Larga Distancia con prezos até un 70% por debaixo do habitual. Ourense é unha das oito localidades elixidas polo seu especial atractivo turístico, xunto a Bilbao, Gijón, León, Pamplona, San Sebastián, Vitoria e Vigo. 

O prezo dos billetes desde Madrid para esta “Escapada de inverno” cara a Cidade das Burgas serán a partires dos 19 euros. Renfe ofrecerá información sobre esta campaña a través da súa web e redes sociais.

Pero ademáis, Ourense é unha das 11 propostas que a compañía ofrece para “Vivir el Carnaval en tren”, xunto a cidades como Cádiz, Barcelona ou Málaga.

Para o alcalde, Jesús Vázquez Abad, a inclusión da cidade nas “Escapadas de Inverno” de Renfe demostra que “estamos a facer ben as cousas, a través de campañas de promoción nos principais eventos turísticos como Fitur ou a Feria de Turismo de Interior Intur, así como con actividades puntuais que están a situar Ourense como un dos destinos de moda no noso país”.

Para o rexedor ourensán, as Escapadas de Inverno serán “unha ocasión única para descubrir que Ourense non é un destino calquera, senón unha forma de vivir e unha experiencia que permite aos nosos visitantes desconectar de todo”.

Pero ademais destaca Jesús Vázquez Abad a oportunidade de que “poidan descubrir Ourense nun dos seus mellores momentos do ano, no que se combinan as posibilidades do termalismo co Entroido, unha das festas que máis definen o noso carácter de cidade aberta e chea de tradicións”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, destaca que o feito de “que sexamos unha das oito cidades seleccionadas por Renfe nesta campaña vén ratificar o traballo de posicionamento que realizamos día a día desde a Concellería de Turismo e Termalismo para situar a Ourense como un destino atractivo e repleto de oportunidades para os nosos visitantes”.

“Ourense ofrece unha oportunidade única en España como destino turístico termal, para que os nosos visitantes ademais dos recursos termais poidan combinar experiencias cos recursos naturais de que dispomos: Gastronomía, Cultura e Patrimonio”, conclúe Jorge Pumar.