Constituido o consello asesor do Parque Compostela Rupestre

O consello asesor científico do Parque Compostela Rupestre xa é unha realidade. Quedou constituido nunha reunión celebrada no Pazo de Raxoi na que estiveron representados os cinco concellos que participan do proxecto (Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra) e máis a Deputación da Coruña. Na xuntanza tamén se presentou a nova imaxe corporativa do parque.

Deste organo formarán parte a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, un arquitecto da Deputación da Coruña, a arqueóloga do Concello de Santiago, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, a Universidade de Santiago, a través do seu departamento de Arqueoloxía; o colectivo A Rula, e os investigadores Raquel Casal e Manuel Santos Estévez.

O paso máis inmediato do Consello Asesor será a licitación do Plan Director do parque e, de seguido, a elaboración do proxecto museográfico e a posta en marcha do Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Villestro.

Ademais, o Consello Asesor deberá asesorar sobre como facer visitables e recoñecibles pola cidadanía os petróglifos máis importantes localizados nos cinco concellos, identificando cales son os mellores roteiros para facer un labor de divulgación entre a veciñanza.

Nesta reunión tamén se presentou o novo logo do Parque Compostela Rupestre, que se inspira na imaxe asociada aos petróglifos e na representación gráfica máis característica da arte rupestre galaica: as combinacións circulares e os aneis concéntricos.

O proxecto Parque Compostela Rupestre está impulsado polos concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra, e será financiado pola Deputación da Coruña cunha achega de medio millón de euros.