Camelia e moda en Soutomaior con guías caracterizadas

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer as novas iniciativas impulsadas no marco da campaña "Fame de experiencias" para desestacionalizar o turismo e continuar visibilizando o castelo de Soutomaior como eixo de atracción e espazo para a cidadanía. 

Dende este venres pódese reservar praza en www.castelodesoutomaior.com, para participar en "Camelia e moda", as primeiras visitas caracterizadas ao Castelo que terán lugar os días 23 de febreiro e 3 e 10 de marzo.

Tres guías caracterizadas de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel serán as protagonistas das visitas "Camelia e moda" que se desenvolverán en cinco sesións de hora e media de duración os días 23 de febreiro (11.00 horas), 3 e 10 de marzo (12.00 e 16.00 horas). 

Así, da man destas tres mulleres, darase a coñecer tanto a musealización do Castelo de Soutomaior como os xardíns da camelia e a exposición "A moda en detalles", que estará dispoñible no castelo durante o mes de marzo.

Por outra banda, A presidenta Carmela Silva, presentou as novas accións enmarcadas na campaña "Fame de experiencias", a campaña turística 2019 de Rías Baixas. De cara á temporada de Semana Santa e de verán impulsarase unha campaña de publicidade exterior para espertar "moita fame" en rúas madrileñas de grande afluencia de persoas e no aeroporto Adolfo Suárez, punto estratéxico de saídas de voos nacionais e internacionais.