Achega da Deputación da Coruña para a adquisición da vivenda da pintora María Antonia Dans en Curtis

A Deputación da Coruña destinará 56.000 euros para apoiar ao Concello de Curtis na adquisición da vivenda da pintora María Antonia Dans na avenida Principal municipio, así como para financiar as obras máis urxentes de reforma do inmoble.

A achega provincial representa o 80% do investimento total do proxecto, que ascende a 70.000 euros, e que pretende recuperar a vivenda onde residiu a artista- cuxa traxectoria pictórica está moi vinculada ás paisaxes da súa infancia en Curtis- e convertila nunha casa-museo destinada a recuperar a obra e a figura da que foi un dos persoeiros ilustres do municipio no campo da arte.

O convenio que regulará a colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Curtis aprobouse esta mañá na Comisión de Patrimonio e Contratación e será sometido á ratificación definitiva no pleno provincial do vindeiro 1 de marzo

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o apoio económico da Deputación permitirá ao Concello de Curtis desenvolver este proxecto singular e "pór en valor unha parte importante do patrimonio histórico e cultural da localidade, recuperando e divulgando a vida e a obra dunha artista galega de proxección nacional"

Dende o Concello de Curtis prevén ademais que a futura casa-museo de María Antonia Dans sexa un espazo de dinamización da participación veciñal e un impulso para reactivar accións de asociacionismo no Concello.