
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde de subvencións que indica que os beneficiarios destas axudas poden ser calquera agrupación que reúna a produtores amparados por un réxime de calidade. As actividades subvencionables serán todas aquelas que pretendan dar a coñecer un produto cun selo de calidade e fomentar o seu consumo. Estas actividades deberán resaltar as características ou as vantaxes específicas destes alimentos tales como a calidade, os métodos específicos utilizados na súa produción ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate.
Deste xeito, entre os gastos subvencionables inclúense a organización ou participación en feiras e exposicións, actividades de relacións públicas e publicidade nos medios de comunicación ou puntos de venta, seguindo sempre as indicacións establecidas na orde. Tamén serán obxecto de subvención os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do seu impacto sobre os consumidores. As axudas poderán chegar ata o 70% do gasto subvencionable.
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica cun formulario específico dirixido á Agacal e que acompaña esta orde. O prazo de presentación é dun mes a contar dende mañá.