A orde do Camiño recoñece á deputación de Lugo

A Orden del Camino de Santiago, formada por máis de 1.200 Cabaleiros e Damas escollidos entre personalidades do eido cultural, político, social, empresarial... decidiu entregarlle á Deputación de Lugo a Gran Placa ao Mérito Turístico nun acto celebrado este domingo en Xantar, o 20º Salón Internacional do Turismo Gastronómico.

Os argumentos esgrimidos para conceder este galardón son a importancia territorial e influencia que a provincia de Lugo aporta aos Camiños de Santiago e tamén oapoio que o Executivo Provincial presta aos concellos e asociacións vinculadas ás 4 rutas xacobeas que atravesan a provincia así como a dinamización que desde o Goberno provincial se está a facer para impulsar os Camiños de Santiago.

A provincia de Lugo conta con máis de 800 km de itinerarios xacobeos que discorren por 30 dos seus 67 concellos. Practicamente, a metade do territorio lucense está atravesado por algunha das 4 rutas xacobeas recoñecidas oficialmente -Camiños do Norte, Primitivo, Francés e de Inverno-, ademais da do Mar, investigada e documentada. Os camiños xacobeos constitúen un importante impulso económico e cultural para esta provincia.

A deputada de cultura Pilar García Porto agradeceu en nome da Deputación á Fundación de la Orden del Camino de Santiago, o galardón recibido destacando “que o Goberno Provincial continúa promovendo accións que impulsen os Camiños do Santiago. A Deputación constituíu a primeira Mesa Provincial dos Camiños de Santiago facéndoa participativa e multidisciplinar para definir as necesidades de cara a celebración do Xacobeo 2021, acabamos de promover un FAMTRIP polo Camiño do Norte e a vindeira semana teremos presenza no FAIRWAY para promover as rutas xacobeas que discorren por case a metade dos concellos da provincia de Lugo”.