A Fundación Semana Verde participa nas I Xornadas de Turismo Ibérico

O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, participará nas I Xornadas de Turismo Ibérico, que se celebrarán en Portugal os días 27 e 28 de febreiro. Durán intervirá o segundo día, no panel denominado “A importancia dos medios de comunicación e as feiras do sector na decisión do turista”. Nel aportará a súa experiencia e visión como director do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA e da feira turística Turexpo Galicia, a cal chega á súa novena edición do 6 ao 9 de xuño e sobre a que tamén falará na súa intervención. 

Xunto a el participarán nesta mesa Alberto Alonso, director xeral do Instituto Ferial de Castilla y León – Feria de Valladolid; Julio Rubio, director da revista española Turismo e José Luís Elias, director da publicación portuguesa Turisver. 

O mesmo día 28 haberá outros tres paneis, os cales versarán sobre “Turismo e municipios, casos de éxito”, “Presentación do proxecto Anda Comigo” e “Turismo Ibérico: estratexia de futuro”. Neste último estará presente Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, xunto co director xeral de Turismo da Junta de Extremadura e o presidente de Turismo Centro de Portugal. Tamén podería participar neste panel a secretaria de Estado de Turismo de Portugal, se ben aínda está por confirmar. 

Ademais, na primeira xornada do congreso abordarase outros aspectos como a relación entre museoloxía, patrimonio relixioso e turismo, novas oportunidades e produtos no turismo ou o ensino e o mercado de traballo. 

Estas novidosas Primeiras Xornadas de Turismo Ibérico, que se van a desenvolver no Grande Hotel de Luso, contarán con 40 expertos españois e portugueses relacionados co sector, que intervirán en oito paneis ou mesas temáticas distintas e tamén na inauguración e a clausura do evento. 

Serán directores de feiras e medios de comunicación do ámbito turístico, directivos de importantes empresas ou sociedades e técnicos e responsables de institucións públicas os que debatirán sobre a actualidade e futuro do turismo na Península. 

As I Xornadas de Turismo Ibérico están organizadas polo Grupo Gala, unha destacada empresa do país veciño que opera na área da publicación, márketing e promoción turística, así como unha importante colaborada da Fundación Semana Verde de Galicia no seu salón turístico Turexpo Galicia.