A Deputación da Coruña mostra a súa riqueza gastronómica en Xantar

A área de Turismo da Deputación da Coruña participa no 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, cunha mostra da riqueza gastronómica dos concellos, un espazo propio na feira ou a elaboración ao vivo nos showcookings. Os pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, o polbo á mugardesa ou o pan e a empanada de Carballo son algúns dos produtos que fan ao territorio da Coruña "referencia de turismo gastronómico".

A Deputación da Coruña ten unha presenza activa no Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que este ano chega a súa vixésima edición e, como en anteriores edicións, desde a área de Turismo convidouse aos concellos da provincia a participar no programa e ter presenza no stand propio que permanece aberto ata o día 10, que remata a feira.

Ao longo de todas as xornadas, o espazo da Deputación da Coruña ofrecerá degustación de produtos dos concellos ademais de información sobre festas e produtos gastronómicos. Ademais, o programa de showcooking -elaboracións e catas ao vivo- acollerá nesta edición a preparación dos pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, ou o polbo á mugardesa, e as degustacións de conservas, tortilla romana ou ceviche de raia de Muros-Noia, o pan e a empanada de Carballo ou o queixo da Capela, entre outros.

"Xantar converteuse nun escaparate privilexiado de turismo gastronómico no que a presenza dos concellos da Coruña supón xa un referente no sector", destaca o deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira para quen a riqueza gastronómica supón " un importante atractivo para o turismo e unha chamada a que nos visiten e coñezan o territorio".

A Deputación da Coruña achega a Xantar tamén información das máis dun cento de festas gastronómicas que se conmemoran nas dezaoito comarcas da provincia.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que Xantar "representa unha interesante oportunidade para promover as propostas gastronómicas dos nosos concellos" e destacou o impacto de participación na única feira de turismo gastronómico galega que destaca "unha das nosas fortalezas turísticas que é o produto de calidade e a elaboración da nosa gastronomía que aposta tamén por unha maneira distinta de promocionar a nosa oferta turística".

O 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, ten lugar en Ourense entre o 6 e o 10 de febreiro e nas últimas edicións superou as vinte mil persoas visitantes. Nesta edición, Brasil, e concretamente Foz de Iguazú, onde están as famosas cataratas e segundo destino escollido polo turismo que chega a territorio brasileiro, é o país convidado de Xantar.