Voando nas Rías Baixas coa Deputación de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra presentou a segunda edición de "Voando nas Rías Baixas", que achegará de xeito totalmente gratuíto ao público interesado a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. Con tal motivo organizará, en colaboración con SEO Birdlife ata cinco rutas ornitolóxicas gratuítas, dúas máis que o ano pasado, por espazos naturais como o esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, a enseada de San Simón, a reserva ornitolóxica do Grove, as Brañas de Xestoso e a Serra do Suído.

A primeira das rutas terá lugar o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese o vindeiro mércores, 9 de xaneiro e ata o día 15.

A segunda das rutas terá lugar o 10 de febreiro para observar as aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón. O prazo de inscrición abrirase entre o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro.

O 3 de marzo chegará a ruta da reserva ornitolóxica do Grove, un espazo protexido pola Rede Natura declarado tamén humedal de importancia internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo de inscrición para participar nesta ruta na que destacan as aves acuáticas invernantes estará aberto do 18 ao 26 de febreiro.

A cuarta ruta desenvolverase o 19 de maio nas Brañas de Xestoso, zona declarada de Especial Conservación e protexida pola Rede Natura na que se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. O prazo de inscrición entre o 6 e o 14 de maio.

A quinta ruta terá lugar na Serra do Suído o 16 de xuño para observar as grandes rapaces como o voitre leonado, aguia calzada, abelleiro europeo, aguia cobreira ou miñato. Para participar nesta ruta ornitolóxica haberá que inscribirse entre o 3 e o 11 de xuño.