Vigo presumirá en FITUR das súas luces de Nadal

As luces de nadal serán o produto estrela co que Vigo se presentará na Feira Internacional de Turismo de Madrid, sen esquecerse da candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade, do seu Entroido, a Reconquista, as festas do verán, a súa cultura, gastronomía e natureza. 

Segundo avanzou o alcalde Abel Caballero a proposta turística para este ano levará o lema “Vigo sen límites". Caballero asegurou que Vigo se abriu "a pulso" o seu espazo nas redes turísticas do país grazas ao éxito "incuestionable" do alumeado de Nadal, unha campaña de case de dous meses que será o "produto estrela", en verbas do alcalde, da presentación deste xoves en Madrid. 

Ademais, o goberno de Vigo trasladará na feira a oferta "horizontal" da cidade, baseada no seu comercio, hostalería, gastronomía, cunha cidade "atractiva e amable". Ademais, e no concreto, o Concello prevé reforzar o seu Entroido deste ano -que contará con dous concertos, segundo avanzou Caballero- e a festa da Reconquista. 

Vigo porá no mapa turístico estatal as súas festas de verán cunha "oferta excepcional" dun mes de duración. Sen desvelar os nomes, o alcalde de Vigo avanzou que a cidade recibirá a dous grupos con capacidade de atraer a decenas de miles de persoas, ao nivel da afluencia de Maná no pasado verán. 

No tocante á natureza, a conxunción mar-montaña ocupará un espazo relevante na presentación viguesa en FITUR, coas diferentes rutas que ofrecen os montes de Vigo unidas ao "atractivo" da ría de Vigo, das súas praias e ao tirón das Illas Cíes. A este respecto, o alcalde anunciou que presentará a candidatura do arquipélago vigués a Patrimonio da Humanidade antes dun ano, prazo que xa está en coñecemento dos ministros de Cultura e de Transición Ecolóxica. 

Ademais, o turismo industrial e cultural formará parte do "Vigo sen límites", revelou Abel Caballero, quen apuntou ao "espectáculo" da lonxa de Vigo e dos barcos de pesca e dos estaleiros no beiramar vigués. Na cultura, e unido "á rede de museos municipal máis importante de España", o Concello porá en valor o arte na rúa, o programa de medianeiras, que conta con obras asinadas por artistas de prestixio nacional e internacional.