Vento en popa para o Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña

A área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña inicia o novo ano con importantes pasos dados no deseño dos parques que compoñen o Plan de Patrimonio. O proxecto do Xeoparque de Ortegal en Ferrolterra, o Parque do Megalitismo na Costa da Morte, Compostela Rupestre nas Terras de Santiago e o Parque da Idade do Ferro nas rías de Arousa Norte e Muros Noia camiñan xa cara a consolidación como recursos turísticos de especial interese despois dun ano en que se sentaron as bases para a súa creación.

Os catro parques que forman parte do Plan de Patrimonio deron neste ano que agora remata importantes pasos de cara a súa consolidación, coa constitución de órganos de dirección que decidirán os pasos a dar de cara ao futuro e tamén do investimento de orzamentos, de maneira especial, a achega da propia Deputación da Coruña que destina 500.000 € a cada un dos proxectos deseñados arredor do patrimonio xeolóxico e arqueolóxico a través da cooperación intermunicipal.

Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño están adheridos á comunidade intermunicipal que suma forzas para avanzar na consolidación do proxecto de Xeoparque de Ortegal, impulsado desde a Deputación da Coruña. Co horizonte no recoñecemento da UNESCO como xeoparque, neste ano constituíuse o consello de dirección que designou como primeiro presidente ao alcalde do Concello de Cerdido, Benigno Galego Castro, que asume un cargo con carácter rotatorio que comeza polo municipio de menos habitantes. O plan director, a contratación de asistencia técnica e o deseño da imaxe corporativa son os primeiros eixos de traballo do proxecto de xeoparque que afondou nesta primeira etapa nos contactos exteriores con distintas entidades de especial interese como o GeoParc de Catalunya Central ou o xeoparque da Costa Vasca. "Déronse interesantes pasos na consolidación dun proxecto que conta cunha especial unión dos concellos que camiñan na mesma dirección, algo de especial interese á hora de chegar ao obxectivo de obter a consideración de xeoparque.

Por outra parte, foi un ano intenso en contactos institucionais que consideramos que poden abrir camiños para o proxecto de Ortegal", sinala o deputado de Plans, Patrimonio e Turismo, Xosé Regueira. Un parque con máis de 300 mámoas Cunha xuntanza celebrada no primeiro trimestre do ano na que participou o propio Xosé Regueira xunto cos alcaldes dos once concellos implicados anunciábase a creación dunha mancomunidade de da área patrimonial do Parque do Megalitismo na que a Deputación da Coruña investirá medio millón de euros para a execución dunha parte do Plan director. Os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas participan do proxecto creador arredor da cultura neolítica que conta con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, que compoñen unha das mostras mellor conservadas e máis representativas da nova idade da pedra no territorio galego.O Parque do Megalitismo pecha o ano co Comité de Dirección constituído e presidido polo alcalde de de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, segundo se decidiu na xuntanza celebrada no Dolmen de Dombate, monumento de referencia da riqueza patrimonial do parque.

Tamén Compostela Rupestre, na contorna do Val da Maía e do Ulla, despide o ano con importantes avances na súa formalización como comunidade intermunicipal. Os concellos de Val do Dubra, Santiago, Ames, Brión, Boqueixón, Teo e Vedra que asinaron xunto co deputado Xosé Regueira o convenio de colaboración para a creación do parque Compostela Rupestre para os que se consignaron 500.000 euros do orzamento da Deputación da Coruña. Finalmente, os concellos de Boiro, a Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e a colaboración de Porto do Son traballan xa xunto coa Deputación da Coruña na mancomunidade constituída para o fomento do patrimonio histórico, artístico e natural arredor da Idade do Ferro, co Castro de Baroña como un dos eixos centrais do proxecto.

A realización de escavacións, a mellora da accesibilidade e a elaboración de distintas ferramentas de divulgación e visibilización son algúns dos eixos de traballo que se van desenvolver na consolidación do proxecto A idade de ferro. "Os catro proxectos supoñen importantes fórmulas de xestión dos recursos e promoción da riqueza patrimonial do territorio", sinala Xosé Regueira para quen o Plan de Patrimonio destaca tamén pola "importante colaboración institucional e a implicación dos concellos que suman forzas con obxectivos comúns, nunha fórmula de traballo conxunto que é máis eficaz e fai que os distintos municipios se aproveiten de accións conxuntas de mellora e difusión". Gabinete de Prensa Deputación da Coruña