Valentín G. Formoso apoia as demandas dos apicultores galegos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, trasladou hoxe o apoio do goberno provincial ás demandas dos apicultores galegos, que esixen unha maior implicación das administracións públicas para poñer freo á "invasión" do mel foráneo (fundamentalmente procedente de China) que se está a producir no mercado galego e español.

Os apicultores demandan que o etiquetado detalle claramente o país de orixe do mel e as mesturas que se realizan para a elaboración do produto, que en moitos casos contén unha elevada porcentaxe de materia prima de baixa calidade procedente de China.

"A falta de transparencia no etiquetado prexudica gravemente a un sector no que Galicia é unha referencia, con máis de 4.000 produtores e 160.000 colmeas que producen un dos mellores meles do mundo", afirmou González Formoso, que considerou "xusta" a reivindicación dun sector "que conta cun gran arraigo e tradición na nosa comunidade, axuda a dinamizar a economía do rural e contribúe á conservación do medio", e que está sendo castigado tamén por cuestións coma a meteoroloxía ou a crecente presenza da vespa velutina.

Neste sentido, o presidente provincial lembrou tamén que a Deputación, en colaboración coa USC, financia o único estudo que se está a realizar actualmente en Galicia para testar novos métodos de erradicación da vespa velutina, un dos principais depredadores das abellas produtoras de mel.

González Formoso considerou que "é necesario que as administracións se impliquen no apoio ao sector primario, aos nosos produtores locais, ou acabaremos importando ata o pan e o leite de China" e defendeu que tanto os produtores coma os consumidores teñen dereito a que se especifique con claridade qué produto adquiren con selos coma a Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia".