Selo de Galicia Calidade para a Tahona de Melide

O selo Galicia Calidade ven de sumar a finais do pasado ano unha nova incorporación. Trátasse da Tahona de Melide, unha empresa que elaboradora os tradicionais melindres, os ricos e os amendoados. Con esta incorporación son xa 111 firmas de distintos sectores as que contan con este distintivo.

A Tahona de Melide, que iniciou a súa actividade nos anos 30, está situada no Camiño Francés, polo que os seus doces artesanais son consumidos por milleiros de peregrinos cada ano.

Neste senso, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou no acto de entrega da certificación que o selo Galicia Calidade representa unha oportunidade para que “os melindres poidan chegar a novos mercados, avalados pola garantía da marca Galicia Calidade”.

Pola súa banda, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destaca a importancia do sector alimentario dentro da marca. “Con esta incorporación, sumamos un novo produto tan representativo coma o melindre a unha lista completa na que contamos con viño, polo, ovos ou pescada, entre outros”.