Santiago postularase en Fitur como a cidade literaria dos bos amores, congresos e cine

Santiago de Compostela presenta este xoves en Fitur a súa aposta polo turismo literario, dos bos amores, de congresos e de cine. A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fixeron no Pazo de Raxoi unha presentación das accións de promoción que desenvolverá a entidade municipal de promoción turística en Fitur, que terá lugar do 23 ao 27 de xaneiro en Madrid.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, fará o xoves, ás 10:00 h, unha presentación da cidade a profesionais e medios de comunicación que xirará en torno a catro produtos nos que Turismo de Santiago traballará ao longo do 2019, seguindo as liñas marcadas polo Plan Estratéxico de Turismo.

Estes catro produtos son Turismo Literario, en torno á figura de Rosalía de Castro como embaixadora da cidade; Turismo para celebración de eventos como enlaces, aniversarios, lúas de mel… baixo a marca "Santiago dos Bos Amores", que toma como referencia un poema de Rosalía; o Turismo de Congresos e Incentivos, coa creación de novas ferramentas de promoción dirixidas a profesionais destes segmentos; e o Turismo de Cine, incluíndo a solicitude de adhesión á Rede de Cidades Creativas da UNESCO na categoría de Cine, que se fará neste 2019.

A concelleira de Turismo participará o xoves na presentación da Semana Santa de Santiago como Festa de Interese Turístico de Galicia, xunto cos representantes da Xunta de Confrarías. Será o primeiro ano no que a Semana Santa da cidade conte con este recoñecemento, que conseguiu logo de que Turismo de Santiago, en colaboración coa Xunta de Confrarías da cidade, presentase o informe xustificativo ante a Xunta de Galicia en abril de 2017.

Ademais destas presentacións, Turismo de Santiago conta cunha ampla axenda de entrevistas e reunións de traballo con múltiples profesionais do sector, dende axencias de viaxes ata compañías aéreas, pasando por organizadores de congresos ou medios de comunicación. O obxectivo é continuar amosando os atractivos da cidade como destino internacional de calidade. Neste sentido, Turismo de Santiago ten reunións axendadas cos responsables das Oficinas Españolas de Turismo dos principais mercados emisores da cidade como Frankfurt, Nova York, París ou Sao Paulo, e tamén con outros mercados que constitúen oportunidades de futuro, como Pekín ou Singapur.