Ribeiro, viño, tradición, cultura e solidariedade

A iniciativa "Cata a Arte", que organiza a D.O. Ribeiro e a Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" recadou donativos nesta súa quinta edición para a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica de Ourense. "Cata a Arte" é unha iniciativa cultural que ofrece aos asistentes a posibilidade de gozar de catas de viños de adegas do Ribeiro amenizadas con actividades en directo como música, teatro ou maxia, durante as cales os asistentes poden colaborar cos seus donativos con asociacións de índole social da provincia.

O acto de entrega do recadado nesta edición, que ascende aos 502,50 euros, tivo lugar no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Casares; a tesoureira da asociación de Fibromialxia, Inés Vázquez; e o director do Centro Cultural, Francisco González.

O presidente da D.O. Ribeiro dixo, pola súa parte, que os viños do Ribeiro, "o viño por excelencia de Galicia, son tradición, cultura e historia, pero tamén queren ser solidariedade".

O vicepresidente do goberno provincial destacou o valor engadido que ten esta actividade innovadora polo seu "carácter solidario e por contribuír economicamente e dando visibilidade a diferentes entidades sociais da nosa provincia como nesta ocasión, á asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica, que realiza un labor tan importante e necesario en Ourense".