O Mazo de Santa Comba, arqueoloxía industrial en Lugo

O complexo etnográfico do Mazo de Santa Comba, no Concello de Lugo, dedicado á forza motriz da auga é enclave recuperado pola Deputación de Lugo como un exemplo de arqueoloxía industrial. Así o sinalou o Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, quen destacou o importante papel deste lugar á hora de descubrir a función fundamental do ciclo da auga no desenvolvemento do rural.

O Mazo de Santa Comba atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Este conxunto etnográfico está situado na estrada de Lugo-Monforte, ás beiras do río Chamoso e confórmano varias edificacións construídas artesanalmente nas que a auga é empregada como forza motriz. O Mazo de Santa Comba abastecía con apeiros de labranza aos labregos e con fouces de sega a Castela, destino tamén dos galegos na época de colleita.

Fernández Queipo subliñou que “neste lugar, propiedade da Deputación, pódense observar in situ varios oficios tradicionais vencellados co aproveitamento hidráulico da auga do río Chamoso. Os visitantes que se acheguen ata aquí poderán desfrutar das antigas fraguas ou mazos que se utilizaban para os traballos de ferrería, serras de madeira, muíño, ou aproveitamentos de enerxía renovables como a turbina para o servizo do complexo. Animo a todos os lucenses a que se acheguen, porque é unha oportunidade de ocio de balde, única para coñecer parte da historia do rural lucense”.

“É un gran exemplo de recuperación do patrimonio hidráulico e etnográfico vencellado ás cuncas fluviais. Os visitantes poderán presenciar como se realizan demostracións sobre o funcionamento dos elementos que compoñen o Mazo”, engadiu.

As visitas ao Mazo de Santa Comba son guiadas e de balde para todos os públicos, e realízanse a grupos mediante inscrición previa. Forman parte do catálogo de actividades de educación e divulgación ambiental que se efectúan desde o Servizo de Medio Ambiente da Deputación e está aberto a todas as persoas, colectivos ou usuarios que queiran achegarse para coñecer este complexo etnográfico.

Nas instalación, os visitantes poderán descubrir paneis informativos que visten o centro e coñecer de primeira man o funcionamento do muíño, do mazo, da serra ou da moa de afiar, mecanismos accionados pola forza da auga e que significaron, no seu tempo, un pulo importante na economía local.