O Ferrol da Ilustración estrena aplicación para móviles

Ferrol da Ilustración’ é o nome da nova aventura virtual para móbiles e tabletas deseñada pola empresa Play&Go e que ofrece a posibilidade de coñecer Ferrol doutro xeito, combinando turismo, aprendizaxe, e realidade virtual a golpe de clic para descubrir a pegada do Século das Luces na cidade naval.

A app, deseñada para usuarios de Android e IOS, xa se pode descargar na PlayStore como aperitivo interactivo da Ruta e será presentada este vindeiro venres 25 en Fitur, na Feira Internacional de Turismo de Madrid da que participa, un ano mais, o Concello de Ferrol a través de Turgalicia.

Este xaneiro, e como estratexia turística para este ano que ven de comezar, a aposta do Concello, a través da Concellería de Turismo e da Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, é firme na promoción da candidatura de Ferrol-Porto da Ilustración ao Patrimonio da Humanidade da Unesco en 2019, na Ruta da Ilustración e na posta en valor do patrimonio marítimo e militar que se artella en torno ao Espacio Atlántico, un programa comunitario do que Ferrol é baluarte, liderando un consorcio de 9 socios europeos.

Todo este patrimonio natural, arquitectónico, naval e humano, está ben condensado nun vídeo de dous minutos e medio que será a nosa carta de presentación e que demos en chamar 'Ferrol: a luz atlántica', filmado con drones e realizado pola empresa local STGO, do que xa podedes atopar un adianto nas redes sociais do Concello. Sen esquecer, por outra parte, o crecente potencial do Camiño Inglés a Compostela, cun sinfín de posbilidades por explorar para reforzar o quilómetro cero desde Curuxeiras como porto e porta de entrada a Galicia para centos de peregrinos.


APP DO FERROL DA ILUSTRACIÓN

A través desta app, o usuario/aventureiro podese trasladar ao século XVIII no seu teléfono mentres percorre as rúas realizando misións e conseguindo agasallos. 'Viaxamos ao século XVIII, onde o traxín cotiá dos estaleiros é o motor dunha cidade guiada pola construción naval. Os buques que conquistaron os mares forxando a lenda da Armada comezan a súa aventura no Edificio Herrerías', convida a app. Atopámonos ante unha rutas única no mundo e incluída no top 10 dos itinerarios da Xunta como imprescindibles de Galicia.


Un mapa en 3D será o escenario de partida para percorrer, da man do Marqués da Enseada ou María de Castro, a Ruta da Ilustración. Un camiño algo diferente polo barrio da Magdalena, un paseo polo estaleiro de Navantia Ferrol ou unha visita Arsenal militar, que nos permite descubrir, tamén, con outros ollos, os arrededores dunha praza ben fermosa como Amboaxe.

Así, a golpe de móbil, poderase comparar o Ferrol de hoxe en día co do século das Luces. A mesma aplicación contén información dos puntos de interese e diferentes propostas de hostalería e comercio local. Ademais, ofrécese unha axenda que se irá actualizando na promoción de eventos e festas e mesmo algúnha proba que hai que superar, se un quere, subindo, por exemplo, un selfie ás redes sociais. Un dos elementos máis participativos é a valoración que o usuario ten que facer dalgúns puntos do percorrido.