O Camiño inglés recuperará 24 fontes tradicionais

Un total de 24 fontes e mananciais tradicionais do Camiño inglés recuperaranse no marco do proxecto Life Water Bay, garantindo as condicións sanitarias da auga para o consumo humano.

Trátase dunha iniciativa conxunta de diversas administracións que contará cun orzamento total de 973.408 euros, dos que 369.552 proveñen de fondos europeos e os restantes 603.856 € serán achegados pola Deputación (163.556 €), Augas de Galicia (147.579 €), a Consellería de Sanidade (90.471 €), o Concello de Abegondo (89.261 €), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (75.981 €) e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (37.008 €).

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, celebrou "o traballo conxunto das distintas administracións que forman parte deste proxecto, que permitirá que os peregrinos atopen unha fonte de auga potable cada 6 quilómetros" ao longo deste itinerario xacobeo, que ten saída tanto dende Ferrol coma dende A Coruña e atravesa un total de 18 concellos: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago.

Ademais do impacto socioeconómico que ten nestes municipios o incremento continuo de peregrinos que percorren o Camiño Inglés, o presidente da Deputación subliñou tamén a "repercusión a nivel medioambiental da iniciativa", xa que se estima que a pegada de carbono da auga embotellada consumida polos peregrinos desta ruta xacobea é equivalente á que se xeraría se se desprazasen individualmente en coche dende A Coruña a Santiago.

Para fomentar esta rebaixa no consumo da auga embotellada en plástico e fomentar un consumo máis responsable, o proxecto contempla tamén a creación, produción e distribución de envases metálicos reutilizables – decorados coa imaxe do proxecto Life Water Way- para que os peregrinos poidan enchela repetidas veces ao longo do itinerario.

Así o explicou o deputado responsable da área de Turismo da institución provincial, Xosé Regueira, que destacou a importancia dun proxecto que "ademais de recuperar as fontes naturais aposta por un modelo máis sustentable nun dos principais atractivos turísticos de Galicia como é o Camiño de Santiago".