
O alcalde do Barco, Alfredo García presentou o cartel da XIX edición da Festa do Botelo
2019. Un cartel que ten moita relación coas actividades de promoción que se veñen
realizando nos últimos anos e co pregoeiro oficial do 2019 o humorista, actor e
presentador, Roberto Vilar. Actualmente Roberto Vilar presenta o seu programa, Land
Rober Tunai Show da Televisión de Galicia (TVG) e sendo líder de audiencia no seu día
de emisión na canle pública galega.
Este é o protagonista do cartel para convertelo nun
novo embaixador do botelo xunto coa “boteloneta” que leva percorrido a comarca
nos últimos anos cos xornalistas e blogueiros que viñan coñecer a elaboración do
botelo e o seu entorno.
Ademais de presentar o cartel e o pregoeiro desta nova edición tamén adiantou algúns puntos do programa que se está rematando de perfilar.
Entre eles quen recibirá a Mención de Honra 2019 que será para o Restaurante
Fernando III .
Na presentación do cartel deu contas doutras outras actividades así como o proceso
de compra de entradas para a asistir á comida no pavillón de Calabagueiros o día 19 de
xaneiro. A venda de entradas será á fin de semana anterior á festa.
As 1150
entradas que se porán á venda custarán 18 euros cada unha e cada comprador só
poderá adquirir como máximo 10 entradas.
Entre as actividades destaca a proxección
dunha película no Teatro Lauro Olmo relacionada co mundo da gastronomía. O título
deste ano é “Una receta familiar” e poderá verse o xoves, 17, ás 19 e 21 horas no
Teatro Lauro Olmo.
Ao día seguinte, terá lugar a presentación do libro “Ninfopoética”
da poetisa Fátima Delgado (presentadora este ano do acto do pregón) que será ás 20
horas na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán. Unha hora máis tarde e no Teatro
Lauro Olmo a compañía Contraproducións porá en escea a obra “Commedia”.
Un ano máis haberá Feira de Produtos Tradicionais que este ano cambia de ubicación e
estará no Campo da Festa no Paseo do Malecón durante o sábado todo o día. O
número de participantes estase a perfilar nestes días e informarase proximamente.
Neste mesmo lugar tamén terá lugar o sábado 19 pola tarde a emisión do programa da
TVG “Aquí Galicia”. Un espazo de actuacións musicais en directo e emisión de
reportaxes de actualidade e promocionais da comarca de Valdeorras. Xa entrada a
tardiña os Cantos de Taberna voltarán a amenizar varios locais da vila coa música
tradicional.