Lugo prepara as maletas para tres feiras de turismo

A deputación de Lugo vén de anunciar a través do seu deputado Eduardo Vidal Baamonde que estarán presentes en tres feiras turísticas durante os meses de xaneiro e febreiro: “van ser dous meses de intenso traballo turístico, a participación nestas feiras supón un marco idóneo para dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece a nosa provincia” 

Segundo anunciou Vidal Baamonde, “Comezaremos en FITUR, a feira de turismo máis importante de carácter Iberoamericano, despois acudiremos á Xantar en Expourense, que cumpre o seu 20 aniversario promovendo o turismo a través da Enogastronomía; e deseguido asistiremos á segunda edición da Feria Fairway, dedicada á promoción do Camiño de Santiago” avanzou o Deputado. 

O Executivo aposta por dar a coñecer a provincia como destino turístico de calidade, sostible e que poña en valor o patrimonio, material e inmaterial lucense nas feiras máis importantes do sector. 

Para este ano en FITUR a Deputación pretende “mostrar todas as caras deste poliedro que é a nosa provincia, pois segue sendo unha gran descoñecida. Fomentamos a oferta dun turismo con milleiros de posibilidades, ninguén debe perderse todas as xoias que temos en cada un dos nosos concellos”. 

Tampouco reivindican a aposta pola presenza en Xantar, a única feira de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial de “Feiras Comerciais Internacionais” españolas, que reúne a empresas de restauración, produtores, entidades públicas e privadas, de España e Portugal, ademais este ano conta con Brasil como país convidado. “Non podemos esquecer que a Gastronomía é unha das maiores potencialidades da nosa provincia, ten unha gran repercusión tanto en Galicia como en toda España, moita da xente que nos visita está interesada en coñecer e ser partícipe da coñecidísima marca ...E para comer, Lugo” expuxo Vidal Baamonde. 

Por último, a provincia de Lugo participa por primeira vez no congreso bienal Fairway, que pretende xuntar todo o que supón o fenómeno do Camiño de Santiago, contará con mesas de debate e obradoiros, ademais da propia feira. Alí Lugo tratará de dar a coñecer a importancia do Camiño como eixo económico e turístico: “en Lugo temos máis de 800 quilómetros itinerarios xacobeos, o tramo máis longo de entre as 4 provincias galegas, que percorren 30 concellos, divididos entre catro rutas oficiais: Camiño Francés, Norte, Primitivo e de Inverno e ademais o Camiño do Mar, trazado costeiro do Camiño Norte. Destacamos tamén que as Catedrais de Lugo e Mondoñedo foron declaradas Patrimonio da Humanidade grazas ao paso do Camiño Primitivo”.