Lugo plantexa o aproveitamento sostible da Serra do Xistral

A Deputación de Lugo acaba de presentarlle á Xunta de Galicia o proxecto Life in Common Land, promovido coa colaboración da USC e da UdC, para demostrar na Serra do Xistral que é compatible o desenvolvemento social, económico e sostible de zonas rurais de especial protección, que contan con restricións lexislativas en canto ao seu emprego, aproveitamento ou coidado. O proxecto conta tamén coa participación directa dos propietarios das Comunidades de Montes Veciñais en mancomún na Serra do Xistral. 

Este pioneiro proxecto da Deputación contempla, como medida principal, que serán os usuarios e propietarios os encargados de aplicar na Serra do Xistral distintas medidas para o aproveitamento sostible deste espazo. Logo, e unha vez avaliados e cumpridos os obxectivos fixados, recibirán compensacións económicas, o que converterá a Deputación na primeira administración en España que premie economicamente as boas prácticas ambientais para a conservación dos hábitats protexidos. Deste xeito, o que se busca é facer fronte ás limitacións de uso e aproveitamento do territorio, que veñen impostas pola normativa vixente, nas zonas de especial protección, como a Serra do Xistral, que é Rede Natura 2000. 

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, mantivo este mércores un encontro coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo Piñeiro. Na reunión participaron tamén representantes das Universidades de Santiago e A Coruña. 

Fernández Queipo explicou que se trata do primeiro encontro de traballo entre a Deputación, USC e UdC coa Xunta de Galicia para presentar este proxecto “que beneficiará a todos os axentes implicados e marcará un antes e un despois no aproveitamento sostible do medio natural. Ademais cóntase coa participación directa dos propietarios e usuarios dos montes veciñais en mancomún, algo primordial para un desenvolvemento deste territorio, que garante un equilibrio entre o crecemento económico, o coidado do medio ambiente e o benestar social”. 

A Serra do Xistral, que conta cunha extensión de 5.000 hectárea, abrangue os Concellos Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo, ademais das Pontes. Na zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e tamén parte do municipio de Viveiro, desenvólvese xa un pastoreo extensivo con gando vacún e cabalar salvaxe. Demostrouse que a súa xestión sostible ten un efecto positivo sobre o mosaico de brezais e turbeiras da zona. 

O programa, que conta coa aprobación inicial da Unión Europea, está dotado de 2 millóns de euros, dos 1,4 son de fondos europeos, 212.000 da Deputación, 198.000 da USC e 100.000 da UdC.