Ioga Termal en Ourense

A profesora de ioga da Universidade de León, Cristina Pérez, fundadora e directora da asociación "Wellness" e formadora en Hatha Yoga, será a encargada de dirixir unha novidosa actividade que a Deputación de Ourense levará a cabo neste ano 2019 nos concellos da provincia que contan con establecementos balnearios. Trátase do "ioga termal", unha actividade baseada no método "wellness" que consiste en realizar prácticas de relaxación profunda en auga termal, con importantes beneficios para a saúde mental e corporal.

"Trátase dun novidoso método patentando por Cristina Pérez –explica Manuel Baltar-, que xa se experimentou con éxito nas Burgas, e o obxectivo é que esta iniciativa baseada na auga termal se estenda aos balnearios da provincia de Ourense ao longo de 2019, para que os veciños dos concellos termais poidan acceder a esta actividade innovadora que lle da un pulo ao noso termalismo", destaca Baltar.

O presidente Baltar comenta que será unha acción que tramitará a Área de Termalismo e Emprego da Deputación de Ourense, "realizando as programacións cos concellos e cos establecementos balnearios, para que esta iniciativa se afiance e se converta nun clásico do termalismo ourensán co paso do tempo. O éxito que tivo nas Burgas fai presaxiar que tamén o acadará no ámbito provincial", sinala o Manuel Baltar.

O método "wellness" da ourensá Cristina Pérez combina sesións en auga termal e en sala, abranguendo circuíto termal, prácticas de relaxación e exercicios para aprender a respirar correctamente e reeducar a respiración. A finalidade é eliminar a tensión do corpo e propiciar o que a profesora denomina como "calma mental". O traballo combinado de ioga e auga termal ten entre os seus principais beneficios tratar a dor orixinada pola tensión corporal; actúa contra problemas de insomnio, estrés, ansiedade, depresión e problemas respiratorios, e resulta beneficioso fronte ás doenzas articulares e da pel.