Humanización da vía de entrada a Sarria do Camiño de Santiago

Remataron os traballos de mellora da LU-P-5602, que financiou o Goberno da Deputación de Lugo cunha achega de 173.000 euros. Estes fondos permitiron renovar 3,6 quilómetros do firme desta vía, que vai desde Samos e entra no municipio de Sarria polo núcleo de Pintín, na parroquia de Calvor.

O Deputado pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, acompañado da Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, subliñou que “ademais de ser unha vía importante de conexión intermunicipal entre Samos e Sarria, a estrada atravesa as parroquias de Calvor, Aguiada e San Mamede do Camiño, polo que con estes traballos beneficiamos directamente aos máis de 300 veciños da zona. Así mesmo, por esta estrada pasan diariamente centos de peregrinos procedentes de Samos e que se dirixen, polo Camiño de Santiago Francés cara a Compostela”.

Os traballos executados na LU-P-5602, consistentes na limpeza de cunetas, o acondicionamento do firme con aglomerado en quente, e o incremento da seguridade vial coa renovación da sinalización horizontal e vertical, leváronse a cabo entre os puntos quilométricos 11,8 e 15,4.

O Deputado engadiu que “con este investimento, dende o Executivo Provincial continuamos co noso esforzo inversor en todos e cada un dos Concellos da provincia para que os nosos veciños e veciñas, en especial os do rural, conten cunhas vías de comunicación seguras e en bo estado que faciliten a súa vida, buscando que todos os lucenses teñan iguais oportunidades”.