Galicia
ocupa unha posición de liderado dentro de España no que atinxe á produción de
carne nos sectores porcino e avícola. Así o destacou o conselleiro do
Medio Rural, José González, na súa visita a unha explotación de aves e ás novas
instalacións da empresa Torre de Núñez, ambas en Lugo.
Segundo dixo, Galicia é líder indiscutible no
eido porcino, xa que reúne, con 28.000 granxas, o 32% do total de explotacións
de porcos de España, cunha cabana que supera o millón de cabezas. Ademais, Galicia
é a segunda autonomía, tras Cataluña, en número de explotacións avícolas, xa
que dispoñemos de 860 granxas, que representan algo máis do 15% do total das
existentes en España. A produción galega neste sector acada case as 200.000
toneladas anuais de carne, un 13% do total nacional.
José
González achegouse en primeiro lugar ata a explotación Ganadería Rivas Gómez SC, situada en Láncara e que vén de iniciar a súa actividade.
Esta granxa ten capacidade para case 34.000 polos e contou con axudas de
Medio Rural por importe de 214.000 euros para un plan de mellora e para a incorporación dunha persoa moza.
Precisamente, o conselleiro destacou que este eido (o da remuda xeracional) é
unha das grandes apostas da Xunta de cara a mellorar a competitividade das
nosas explotacións e crear emprego, co fin de fomentar a actividade
económica rendible no rural.
Para isto, o
conselleiro explicou que a Xunta destinou 57,2 millóns de euros no 2017 nas
axudas de incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións, con
máis de 1.300 beneficiarios en total. Desta cantidade, case 15 millóns foron
destinados ao apoio á incorporación de mozos ao rural.
Finalmente o
titular de Medio Rural coñeceu as novas instalacións de Torre de Núñez no
concello lugués do Corgo. Alí destacou que, ao abeiro das subvencións para o
fomento da transformación de produtos agroalimentarios, a empresa recibiu nos
últimos anos preto de 1,8 millóns de euros para implantar unha liña de
embutidos loncheados e facer unha nave adosada ao secadoiro de xamóns para
curar.