
Séguese así unha filosofía de abaixo cara arriba coa que son os axentes locais (veciños, empresas e todo tipo de entidades) os que priorizan os proxectos en función das necesidades da comarca. En total, o programa xestionará entre 2014-2020 84 millóns de euros en subvencións.
Durante a reunión, ambas partes destacaron os bos datos de execución do Leader e que, en palabras do director, “reflicten a boa aceptación que está a ter no medio rural esta medida”. Pérez Dubois sinalou que o Leader é un “auténtico canalizador” do desenvolvemento do rural en Galicia xa que, debido á súa transversalidade, inclúe tanto proxectos produtivos, como empresas do sector servizos, comercio e turismo, así como iniciativas enfocadas a mellorar as condicións de vida dos veciños do rural e cun carácter social.
Neste sentido, cómpre lembrar que está aberto ata o 31 de maio a orde de axudas 2019/2020 do plan Leader, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Para esta convocatoria o orzamento é superior aos 16,5 millóns de euros en dúas anualidades (6,6 millóns para 2019 e 9,9 para 2020) e está cofinanciado nun 75% polo Feader, nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta.
Ademais, en breve resolveranse tamén as novas axudas postas en marcha este ano dirixidas á cooperación interterritorial dos Grupos de Desenvolvemento Rural e que están dotadas con 400.000 euros. Estas achegas teñen por obxectivo que os distintos GDR colaboren entre si con proxectos que traspasan o seu ámbito territorial e incluso con asociacións do resto de España, da Unión Europea ou de terceiros países, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.