
En concreto, a desembocadura do río Miño e a Foz da Ramallosa forman uns esteiros intermareais con grande diversidade de hábitats que atraen numerosas aves. Nesta época pódese desfrutar tanto de aves acuáticas como aves mariñas, aves rapaces ou paxaros palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan especies como os mazaricos, biluricos, pilros, avefrías, patos, garzas, rálidos, mergullóns, aves mariñas como os corvos mariños e as gaivotas, e aves rapaces como a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia peixeira.
A ruta comezará ás 10.00 dende o aparcadoiro do parque do paseo da Ramallosa, de Nigrán, e durará toda a mañá. Durante o percorrido pola Foz da Ramallosa e do Río Miñor en Nigrán e polo Estuario do Río Miño na Guarda as 25 persoas participantes estarán acompañadas de dúas persoas monitoras ornitólogas. Amais, a Deputación de Pontevedra pon a disposición das mesmas, de xeito gratuíto, o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.