Aposta decidida da Deputación da Coruña polo turismo de calidade

A área de Turismo da Deputación da Coruña destina un orzamento de 750.000 euros ao programa de subvencións para entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas. As entidades do sector poderán acadar unha axuda de 120.000 euros, até o 80% das actividades.

Actuacións en materia de calidade, organización de celebracións e eventos turísticos, iniciativa de desenvolvemento de produtos e xestión técnica dos entes, asociacións, mancomunidades e consorcios son proxectos que son obxecto de subvención nunha liña que ten como obxectivo a profesionalización e mellora do sector turístico.

Na pasada edición, recibiron axuda a través desta liña de concorrencia competitiva entidades como o Consorcio de Turismos e Congresos da Coruña, o ente de Turismo de Santiago de Compostela, o Consorcio das Mariñas, a Asociación de Empresarios de Promoción Turística de Camariñas, a Asociación Muros Vila de Auga e Sal, a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, a Asociación de Turismo da Costa da Morte, a Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia ou as mancomunidades de concellos de Ferrol e a Ría Arousa-Norte.

"A Deputación da Coruña ten como obxectivo traballar de maneira cooperativa con concellos e entidades co obxectivo da mellora do sector turístico cunha oferta sustentábel e de calidade e, con esta liña, favorécese o traballo dos entes que están a operar no sector", sinala o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira.

A publicación da liña de axudas para entes do sector súmase á recente convocatoria para contratación de persoal técnico para oficinas de turismo de concellos ou agrupacións de concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes. Para este fin, a área de Turismo destina 800.000 € que teñen como obxectivo contratación de persoal especializado para manter abertas as oficinas de turismo, cando menos, catro meses en temporada alta. "A profesionalización do sector e a contratación de persoal especializado é o obxectivo desta liña que está a ter especial repercusión na oferta turística dos concellos", destaca Xosé Regueira. 

As bases da convocatoria para entidades de xestión pode consultarse na seguinte ligazón do BOP: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/01/15/2019_0000000280.html