A Ourense ICC Week xa ten data para a súa quinta edición

A "Ourense ICC Week" 2019, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense e que reúne cada ano a centos de persoas, entre expertos e entusiastas da innovación, en diferentes puntos da provincia para debater, analizar e gozar coas últimas propostas que os mercados e a tecnoloxía poñen a disposición do público se celebrará entre os días 2 e 7 de abril. 

A provincia de Ourense convértese un ano máis en punto de encontro para expertos, emprendedores e creativos. Esta nova cita ven avalada polo éxito da edición 2018 que, detallada en cifras, da conta do interese que espertou entre o público, logrando un alto valor comunicativo e un impacto mediático substancial.

"A edición de 2019 pretende continuar coa posta en valor do sector creativo e cultural e converter así á provincia de Ourense no marco perfecto para o co-working, a potenciación de negocios e a apertura de novos mercados", valora o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, co obxectivo de que a "Ourense ICC Week" "siga a ser o punto de encontro da comunidade creativa". Nesta nova edición, relatorios, charlas, entrevistas, masterclass e concertos volverán vertebrar un programa repleto de actividades, que xa ten reservada no calendario a primeira semana de abril.

Na pasada edición foi especialmente destacable a capacidade de proxección deste foro máis aló de Galicia, cun total estimado de máis de 27 millóns de impactos en 20 países, dos cales, preto de catro millóns corresponden ás redes sociais, con eventos virais como Pantomima Full ou os e-sports. O valor de comunicación foi comparable a un investimento publicitario superior aos 796.000 euros. Así o reflicten os datos do estudo de medios da "Ourense ICC Week" 2018, que medrou, ademais, en número de relatorios e mesas redondas, pasando das 12 de edicións anteriores, a un total de 17. Polas charlas e conferencias pasou unha trintena de profesionais e expertos de renome da industria cultural e creativa, coa participación de personalidades tan relevantes como Javier Mariscal, Gracia Querejeta ou Bárbara Ouka Leele, entre outros.

O evento apostou un ano mais pola música como expoñente da cultura, coa participación de seis grupos musicais en tres concertos de éxito que conseguiron colgar o cartel de completo. O programa de actividades abordou case unha decena de campos de diversa índole, onde tiveron gran protagonismo o humor, o deseño gráfico, as TIC, o audiovisual e incluso os videoxogos co seu apartado "ICC gamer". Unha actividade que acadou a participación dunhas 700 persoas na súa Lan Party, celebrada no Campus de Ourense.

En total, a ICC Week 2018, supuxo a participación de máis de tres mil persoas que encheron de actividade creativa distintos espazos da provincia de Ourense.