A Deputación de Ourense vai seguir potenciando o complexo romano de Bande

A Deputación de Ourense, na liña do realizado ata o de agora, vai seguir potenciando o complexo romano de Bande, colaborando para elo nos ámbitos da investigación e en novas campañas de escavacións desta contorna arqueolóxica. Así o confirmou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión mantida no Pazo Provincial co vicepresidente e presidente en funcións da fundación Aquae Querquennae Vía Nova, Antonio Rodríguez Colmenero.

A cooperación da Deputación de Ourense irá orientada nunha tripla vertente: por unha banda, continuar coas escavacións, para o cal, no plan de mandato "Ourense 7273" de Manuel Baltar figurará con carácter prioritario un epígrafe relativo a seguir cos traballos de investigación –para os que se destinarán 60.000 euros anuais-, e colaborar coa reapertura do museo, o centro de visitantes Aquae Querquennae, así como cos gastos de xestión e funcionamento da fundación, para o que se destinarán 30.000 euros. 

A terceira liña de colaboración, segundo confirmou Manuel Baltar, refírese "á publicación do gran traballo sobre A Vía Nova -que unía Braga con Astorga e cuxo maior trazado pasa pola provincia de Ourense-, realizado por un equipo que co-dirixe Rodríguez Colmenero, para o cal a Deputación de Ourense ofrece o seu servizo de Publicacións para a edición deste interesante traballo que xa ten espertado o interese científico no ámbito nacional e internacional".

Baltar afirma que esta colaboración coa fundación Aquae Querquennae "é unha alianza a prol de seguir recuperando a singularidade da nosa historia, rica en testemuñas, etnografía e valor histórico-patrimonial, que converten á nosa provincia nunha das que conta con máis e mellores mostras de exemplos de convivencia e organización de antigas épocas, que marcaron o devir identitario, cultural e social de Ourense".