A Deputación de Ourense e a D.O. Ribeiro colaboran nun estudo para avaliar a situación socioeconómica da comarca vinícola

A Deputación de Ourense colabora cun estudo que analizará a situación socioeconómica do territorio que abrangue a Denominación de Orixe Ribeiro, segundo anunciou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares. Esta iniciativa, que afondará polo miúdo na cadea de valor do viño e do enoturismo nos catorce concellos da provincia que forman parte desta Denominación, permitirá "analizar o territorio produtivo, os indicadores económicos, e tódolos recursos potenciais desta Denominación de Orixe, así como trazar un plan estratéxico para o sector que serva de folla de ruta para os vindeiros anos", explicou Manuel Baltar.

Este estudo será executado por un grupo de investigación "Economía Agroalimentaria e Medioambienta. Desenvolvemento Rural e Economía Social" (ECOAGRAOSC) que coordinará Edelmiro López. O grupo estará constituído por dez mestres pertencentes ás tres Universidades Galegas, implicándose os departamentos das áreas de Economía, Socioloxía e Políticas Agraria, de Empresas e Marketing. "Este cadro de investigadores é unha garantía científica e académica do traballo que se vai a desenvolver", sinalou Juan Manuel Casares.

O estudo xorde da necesidade de facer "unha diagnose polo miúdo do que está a acontecer no tecido socioeconómico da nosa Denominación, e para elaborar un plan estratéxico que nos permita afrontar o futuro con garantías", explicou Juan Manuel Casares. Este proxecto implica tamén valorar a estrutura económica deste territorio co fin de obter as claves para o mellor aproveitamento de tódolos recursos patrimoniais, económicos e paisaxísticos da zona.

A Denominación de Orixe Ribeiro conta actualmente con 115 adegas, 5.700 viticultores e máis de 2.200 hectáreas de viñedos inscritas e "a principal diferenza que presenta a nosa Denominación, fronte ás demais Denominacións galegas, é que o viño na nosa comarca é o verdadeiro motor económico", matizou Juan Manuel Casares, quen dixo que "falar do viño de Ribeiro é falar dun produto senlleiro e bandeira de Ourense".