A botelomanía invade ao Barco de Valdeorras

Comida oficial do ano pasado
O humorista, actor e presentador, Roberto Vilar será o encargado de dar o pistoletazo de saída a dous días de degustación de botelo na XIX Festa do Botelo no Barco. Este ano os números falan de preto de 2.000 persoas que terán a oportunidade de degustar o botelo entre os asistentes á comida oficial do sábado e os que estarán nos restaurantes da vila durante a fin de semana. 

A festa segue crecendo igual que a “botelomanía” tal e como explicou a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, despois de que se venderan 1150 entradas na mañá do día 12 para asistir á comida oficial. O acto de pregón terá lugar o sábado 19, ás 12 do mediodía coa presentación da poetisa Fátima Delgado e a actuación do grupo local Os Iñigos que están preparando unha sorpresa musical. 

A continuación procederase á entrega da Mención de Honra ao restaurante Fernando III. Un local que leva máis de 30 anos servindo comidas nesta vila e rexentado por tres irmáns. O acto pecharase co pregón de Roberto Vilar. 

Actualmente Roberto Vilar presenta o seu programa, Land Rober Tunai Show da Televisión de Galicia (TVG) e sendo líder de audiencia no seu día de emisión na canle pública galega. Este é o protagonista do cartel para convertelo nun novo embaixador do botelo xunto coa “boteloneta” que leva percorrido a comarca nos últimos anos cos xornalistas e blogueiros que viñan coñecer a elaboración do botelo e o seu entorno. 




O fin de semana completarase coa Feira de Produtos Tradicionais no Campo da Festa no Paseo do Malecón durante o sábado e o domingo de 11 a 19 horas. Serán 20 feirantes que venderán dende botelo a produtos variados relacionados coa gastronomía e artesanía. Neste mesmo lugar tamén terá lugar na tarde do sábado a emisión do programa da TVG “Aquí Galicia”. Un espazo de actuacións musicais en directo e emisión de reportaxes de actualidade e promocionais da comarca de Valdeorras. Xa entrada a tardiña do Día Grande do Botelo celebrarase a cuarta edición dos Cantos de Taberna, con sete grupos que amenizarán varios locais da vila coa música tradicional.