24.000 euros para a accesibilidade universal no Camiño de Santiago

Ven de asinarse un convenio de colaboración entre o vicepresidente executivo da Fundación ONCE, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, Alberto Durán, para a cooperación e inclusión social de persoas con discapacidade co obxectivo de desenvolver a accesibilidade universal no Camiño de Santiago a través do proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino. “Queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva; que calquera persoa poida sentirse peregrino, adentrarse nas súas etapas e durmir nos seus albergues”, afirmou o conselleiro.

Este proxecto aplicarase no Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e Galicia é a primeira comunidade autónoma que asina este convenio.

Así, no marco deste acordo, implementarase unha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos percorridos asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesibles asociados aos seus puntos de interese e a integración de ditos contidos dixitais cunha aplicación accesible de guiado sensorial. A finalidade deste traballo é que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil accesible capaz de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición accesible dos puntos de interese para facilitarlles o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno.

Ademais, desenvolverase unha versión accesible da aplicación do Instituto Geográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.

Este acordo, forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros. Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago que identifica entre os retos da peregrinación xacobea a mellora da acollida ao peregrino para asegurar a satisfacción das súas necesidades a mellora da accesibilidade.