Xornada de turismo agroalimentario coa Deputación de Lugo

15 expertos relacionados con proxectos turísticos participarán os días nunha xornada de turismo agroalimentario e desenvolvemento local que a Deputación de Lugo celebrará os días 18 e 19 de decembro no Salón de Actos.

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, explicou que se trataran temas como as novas oportunidades como agroturismo ou as claves para a creación de produtos de enoturismo. A xornada, enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo, inclúe unha visita a Ruta da faba de Lourenzá. 

Vidal Baamonde sinalou que “dende o Goberno da Deputación coñecemos as posibilidades e o potencial turístico desta provincia, por iso, a través destas xornadas pretendemos favorecer un intercambio de ideas que poida xerar sinerxías e servir de impulso deste tipo de turismo na provincia”.

“Ademais, este encontro contribuirá por unha banda a poñer en valor os proxectos relacionados co sector agroalimentario que con tanto éxito se están realizando actualmente na provincia, e ao mesmo tempo poñemos en valor a nosa materia prima e os produtos autóctonos que son de primeira calidade”, remarcou o Deputado.

Ao longo destes dous días terán cabida os representantes do turismo agroalimentario provincial; axentes turísticos, produtores, guías, expertos en comunicación, hostaleiros e gandeiros, entre outros. Participaran responsables de proxectos de éxito relacionados con este sector como Milhulloa, Champivil, Caurelor, Embutidos Suarna ou a C.R.D.O Queixo do Cebreiro. Ademais, tamén intervirán o Director do Instituto Galego do viño, Xoan Cannas que falará sobre as claves para a creación de produtos de enoturismo; e Sandra Touza, CEO da plataforma I´m a Local e de Ponle cara al turismo, que tratará as novas oportunidades turísticas como alternativa ao desenvolvemento rural.

Ademais, lembrou as iniciativas que promove o Goberno da Deputación para poñer en valor os nosos produtos autóctonos. “Facémolo con achegas directamente a través dos nosos Concellos, como por exemplo en Chantada coa Festa da Empanada e a Feira do Viño; Folgoso Do Courel coa Festa da Castaña; en Foz na Festa do Berberecho; en Monterroso na Feira do Queixo ou en Muras co mel. E tamén promovemos outro tipo de iniciativas como o curso de Enoturismo que organizamos coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), ou a participación noutros eventos agroalimentarios como Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense”.

O mércores día 19 os asistentes a esta xornada realizarán unha ruta pola faba de Lourenzá. No programa inclúese visitas guiadas polo patrimonio artístico da vila como o Mosteiro de San Salvador ou o Museo de Arte Sacro; paseos pola natureza na área recreativa “Muíño do Pereiro”, unha degustación gastronómica, e outras visitas como o Centro de Interpretación da faba.

Todas as persoas interesadas en participar nesta xornada, completamente gratuíta, teñen unha banner na web da deputacion; http://www.deputacionlugo.gal/ con toda a información, ou no telef: 982 260 234, e no correo; turismo@deputacionlugo.org.