Rías baixas promociónase como regalo de Nadal

O destino enoturístico Rías Baixas aspira a converterse no regalo perfecto para este Nadal, cunha campaña conxunta da Deputación de Pontevedra e da Ruta do Viño desta denominación de orixe: "Este Nadal regala enoturismo nas Rías Baixas". 

Na campaña participan 18 empresas e promociónanse 19 experiencias diferentes durante todo o ano. O obxectivo é animar a contratar experiencias enoturísticas na provincia de Pontevedra como agasallos de Nadal. Así, a Deputación de Pontevedra e a Ruta de Viño Rías Baixas presentarán paquetes que inclúen experiencias singulares nas que o viño Rías Baixas é o fío condutor para plans de fin de semana ou escapadas de dous días.

Máis polo miúdo, participan na iniciativa as adegas Pazo Pondal, Terra de Asorei, Terras Gauda, Mar de Frades, Palacio de Fefiñanes, Paco&Lola, Lagar de Besada, Martín Códax, Gil Armada, Señorío de Rubiós, La Val e GranBazán. Tamén se inclúen na campaña "Este Nadal regala enoturismo nas Rías Baixas" aloxamentos como Novavila Rías Baixas, Aldea Bordóns e o Hotel Louxo La Toja, así como pazos como os de Quinteiro da Cruz, Rubianes e Baión.

Entre as experiencias enoturísticas destacan os paseos entre viñedos en kartcross ou 4x4, as degustacións de viños e de produtos gastronómicos, explicacións sobre o proceso de elaboración do viño, rutas de sendeirismo, catas guiadas e comentadas, estancias enoturísticas, maridaxe de viños, talleres de cociña, experiencias sensoriais, visitas a xardíns botánicos, visitas a pazos e espazos históricos, achegamento ao traballo das mariscadoras e tratamentos de viñoterapia e talasoterapia.

As persoas interesadas en agasallar estas experiencias terán toda a información, tanto dos establecementos como das experiencias, nas páxinas web de Turismo Rías Baixas e da Ruta do Viño Rías Baixas.