Ourense despunta no eido agroalimentario

As exportacións no sector agroalimentario na provincia de Ourense creceron na última década o dobre que en Galicia. Así o reflicte o último informe do ICEX, referido ao comercio exterior agroalimentario de Galicia (2006-2017), presentado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García; e o director territorial de Comercio e do ICEX en Galicia, Sergio Prieto.

O comercio exterior agroalimentario na provincia de provincia de Ourense pasou en dez anos de 114 a 131 millóns de euros, experimentando unha taxa de crecemento anual do 10,4 %, con relevancia salientable no sector do aceite, cifras que, no ámbito xeral, das exportacións ourensanas amosan tamén un crecemento continuo, cunha taxa do 12,5% de incremento medio anual, pasando de representar 591 millóns en 2006 a 815 millóns en 2017. En canto aos destinos, as exportacións concéntranse en catro países: Portugal, Francia, Italia e Reino Unido, aínda que se está a producir un aumento cara mercados como Suíza, China, Alemaña e Xapón.

Manuel Baltar destacou na presentación "a importancia fundamental" que para Ourense ten o sector agroalimentario, salientando que informes como este "permiten realizar proxeccións, analizar tendencias e determinar como as potencialidades engaden valor e dinamismo económico e social ao territorio". O presidente do goberno provincial -quen remarcou a alianza que mantén a Deputación de Ourense co Círculo de Empresarios de Galicia-, citou como exemplos destacados da puxanza do sector agroalimentario na provincia de Ourense a Coren e ao sector vitivinícola coas súas denominacións de orixe, citando iniciativas como a desenvolvida onte na Veiga, coa xornada sobre o sector forestal, "porque todo elo contribúe a reforzar a aposta polos produtos autóctonos, unha defensa do noso que a Deputación de Ourense apoia con firmeza".

O informe, segundo explicou Sergio Prieto, sinala como principais sectores de exportación en Ourense no período 2006-2017 aos Produtos industriais, que representan un 62,5% do total do comercio exterior, cun crecemento do 11,4%; os Bens de consumo, que supoñen o 26,7% do total e crecen un 26,7%; o sector Agroalimentario, cun 16,1% do total das exportacións e un crecemento do 10,4%; e o sector Bebidas, que representa o 2,4% do total e que experimentou un crecemento do 8,7%.

No caso da agroalimentación o crecemento foi continuo e constante, pasando de 114 millóns de euros no ano 2006 aos 131 millóns de euros no ano 2017, é dicir, unha taxa de crecemento media anual do 10,4%, "o dobre que en Galicia", destacou Sergio Prieto. Por sectores, figuran en primeiro os aceites, que representan o 38,8% das exportacións agroalimentarias, cun crecemento do 17,6%; o sector de animais vivos, que representa o 24,1% das exportacións agroalimentarias e que medrou o 20,9%; os produtos cárnicos, que representan o 21,2% e creceron o 4,4%; e o sector vitivinícola, que representa o 14,8% e medrou o 9,4%.

O sector de aceites pasou de facturar 26 millóns de euros no ano 2006 aos 41,8 millóns de euros no ano 2017, duplicando practicamente as súas cifras, e o sector vitivinícola presenta un crecemento estable durante estes anos, pasando de rexistrar vendas por importe de 18,9 millóns a 19,5 millóns de euros. Neste sector os viños con denominación de orixe representan case o 56% da exportación.

Pola súa parte, Patricia García agradeceu á Deputación de Ourense a cooperación que mantén co Círculo de Empresarios de Galicia e destacou a relevancia do informe, "que nos permite analizar a internacionalización e as cifras de exportación, síntomas da boa situación das empresas, porque os datos positivos nestes ámbitos significan crecer e ser competitivos".