O nadal compostelán recupera figura do Apalpador

A programación de Nadal do concello de Santiago mantén este ano a aposta pola recuperación da figura do Apalpador, o vello carboeiro que cada 24 de decembro baixa dos montes do Courel para agasallar ás nenas e nenos con castañas e bos desexos". 

Dende esta semana ata o 4 de xaneiro, o Apalpador visitará a rede de centros cívicos, levando con el diferentes actividades como obradoiros, títeres, música e teatro. Serán máis dunha trintena da visitas do Apalpador, posibles grazas á compañía teatral Cachirulo, a Talía Teatro e á Xanela do Maxín. Neste último caso, a actividade desenvólvese en compañía da Escola Semente, que o 21 de decembro organiza tamén a Ruada do Apalpador. Trátase dun desfile que partirá da rúa de Santa Clara para chegar ata a praza de Cervantes, e no que o carboeiro irá acompañado de música, animación de rúa ou malabares.

Aínda que por suposto o Apalpador chegará acompañado de moutras outras iniciativas que foron presentadas polo alcalde da cidade, Martiño Noriega. Entre elas citou a pista de xeo da Alameda, o belén artesanal de San Fiz ou o Mercado de Carreira do Conde, "dos que a veciñanza xa leva días desfrutando". Tamén explicou que a decoración de Nadal "completarase co Bosque dos Xogos da praza do Obradoiro, que este ano se vai caracterizar por ter tobogáns, túneles e xogos populares para as nenas e os nenos, xunto co xa tradicional carrusel de Nadal".

Tampouco os Reis Magos faltarán á súa cita coas nenas e nenos de Compostela. Este ano, a gran cabalgata do 5 de xaneiro levará por lema "A viaxe das marabillas", e nela Melchor, Gaspar e Baltasar faranse acompañar por Alicia e por algúns dos personaxes que comparten con ela "o país das marabillas", como o sombreireiro tolo, o coello ou a raíña de corazóns. O alcalde salientou que a deste Nadal "volverá ser unha Cabalgata participada, para a que precisaremos unhas 200 persoas voluntarias que se sumen ás agrupacións artísticas".
Dende hoxe mesmo e ata o próximo 21 de decembro, as persoas interesadas en sumarse a algún combo deben inscribirse chamando ao teléfono do equipo de coordinación da Cabalgata (604 062 506), en horario de 09:30 a 14:30 horas. O mesmo teléfono está habilitado para inscribirse para participar no sorteo no que se seleccionarán os paxes dos Reis Magos, que deben ser nenos e nenas de entre 12 e 16 anos. Hai nove prazas vacantes, e o sorteo realizarase o 26 de decembro no Teatro Principal. Por último, volveranse ofertar 120 prazas para percorrer a Cabalgata nos trens turísticos que acompañarán as carrozas. A inscrición faise no mesmo número de teléfono e as persoas menores de 12 anos deberán ir acompañadas por unha persoa adulta.