O libro "Galaicos" reúne o patrimonio dun pobo entre dous mundos

Este domingo no marco da feira "Culturgal" presentouse en Pontevedra o libro "Galaicos, un pobo entre dous mundos", a obra que recolle a ambiciosa exposición que desde o pasado outubro pódese ver no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, e que na próxima primavera trasladarase ao Museo Íbero de Jaen e ao Museo de Valencia antes de volver a Pontevedra para ser acollida polo Museo Provincial.

Na presentación estiveron presentes o editor Henrique Alvarellos, o arqueólogo e coautor, Rafael Rodríguez, e a presidenta da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva tratou de poñer en valor unha obra que representa "moito máis que un libro ou unha exposición á que deben asistir, unha historia que deben coñecer ou un recurso turístico que deben visitar. Estamos ante un fito que marca un antes e un despois na mirada que a cidadanía debemos ter sobre o noso pasado pero tamén na mirada que as e os visitantes deben ter sobre o potencial de Pontevedra Provincia". 

A presidenta provincial asegurou que "Galaicos" é a proba de que sempre fomos unha cultura aberta e creativa que ocupou unha posición central fai 2000 anos. "Sempre nos contaron que a cultura importante era a mediterránea pero non era certo, amósao a investigación e os descubrimentos nos nosos xacementos. A atlántica foi potentísima e neste recuncho do mundo se encontraban ambas as dúas". Silva citou a Plinio el Viejo "que dicía que se atopou cunha cultura matriarcal, democrática, avanzada. Fixéronnos crer que eramos a periferia e era falso. Hoxe xa sabemos que as Cassitérides estaban aquí e ninguén se atreve a negalo". 

Silva agradeceu a Henrique Alvarellos e Rafael Rodríguez "o compromiso polo noso patrimonio e a implicación neste proxecto". Tanto o editor como o arqueólogo resaltaron "ao equipo de arqueoloxía como o de turismo para que teñamos nas mans unha guía única que fala de 2000 anos da nosa historia, con imaxes espectaculares, ilustracións e pezas". Ambos os dous invitaron a que "a xente colla este barco e viaxe e se mergulla nas Rías Baixas ata a época tardo antiga. Paga a pena".

"Galaicos" conta cos textos de Antoni Nicolau, Xurxo Allán, Diego Piay, Mª Luísa Castro e Rafael Rodríguez, nas ilustracións de Iñaki Dieguez e Juan de Dios Tenorio e nas fichas de Alejandro Güimil. En "Galaicos, un pobo entre dous mundos", as persoas que o lean poderán atopar os máis importantes xacementos como Castrolandín -Cuntis, na Lanzada-Sanxenxo, nas Salinas-Vigo, en Monte de Facho-Cangas, en Toiríz-Silleda, na Cabeciña-Oia, en mercado dos Mouros-Valga, na Subidá-Marín, en Alobre-Vilagarcía de Arousa, en Adro Vello-O Grove, en Monte do Castro-Ribadumia, en Alto dos Cubos-Tui, en Alto da Cruz do Castro-Cerdedo Cotobade, no Castro de Donón_Cangas, no Castro de Penalba-Campo Lameiro, en Troña_Ponteareas, en Porta do Arcos en Rodeiro, no Tegra-A Guarda ou en Taboexa-As Neves.