Mellora na accesibilidade turística á Lagoa de Cospeito e ao Museo das Aves

Grazas a unha subvención concedida pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia, acomténronse os traballos de mellora da accesibilidade turística á Lagoa de Cospeito e ao Museo das Aves, dentro da liña de axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos dos concellos galegos.

Os traballos -para os que a Xunta achegou máis de 34.400 euros- permitiron mellorar a contorna facilitando así o acceso peonil de veciños e visitantes, ao mesmo tempo que se fomenta a conservación e coñecemento dun recurso incluído nunha das seis Reservas da Biosfera galegas. Trátase da das Terras do Miño, que é ademais unha das tres coas que conta a provincia lucense e a de maiores dimensións de Galicia.

Durante a visita, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro puxo en valor a importancia destas actuacións ao permitir reforzar o potencial do interior lucense impulsando un dos seus recursos máis valiosos: a súa paisaxe a e súa natureza, un dos elementos aos que máis importancia concede o modelo turístico galego como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020. Neste caso, ademais, a mellora da accesibilidade reforza o papel que a Lagoa de Cospeito ten xa para as persoas interesadas no turismo ornitolóxico.

De feito, os humidais da Terra Chá nos que se inclúe forman parte dunha das 12 zonas galegas identificadas no produto Galicia Birding, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo. Polas súas características e a facilidade para a observación de aves acuáticas, algunhas pouco comúns, a Lagoa de Cospeito é, ademais, unha das visitas especialmente recomendadas para calquera época do ano na provincia de Lugo que, no que vai de ano, está a reforzar o seu atractivo especialmente entre os viaxeiros galegos. A demanda de turismo interno medrou máis dun 20% como consecuencia dun incremento da cifra de viaxeiros que quedan máis días na provincia, cun aumento do 9,9% da estadía media.

A mellora dos accesos á lagoa e ao museo demostran o compromiso da Xunta por traballar da man coas administracións e entidades locais, a través de numerosas liñas de axudas que se convocan anualmente por parte da Consellería, a través da Axencia de Turismo de Galicia e que este ano tiveron máis de 160 concellos.

f_ turismo.gal