Lugo propón unha completa programación para pasar a ponte

Concello de Lugo preparou para esta Ponte de Decembro un programa de actividades que foron presentadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre 

Do 6 ao 9 de decembro, visitas guiadas pola cidade, con saída ás 12:00 horas dende a Praza do Campo. As inscricións deben facer na Oficina Municipal de Turismo, no teléfono 982-25-16-58 ou no enderezo electrónico lugoturismo@concellodelugo.org.

O toque musical desta ponte festiva correrá a cargo do Trío Boreas, coa soprano Laia Blasco, Lidia Rodrigo no clavémbalo e a flautista Elisabeth Woltèche, que realizarán un concerto de música clásica o día 6; así como de Abraham Cupeiro, o día 8 de decembro, presentando o seu novo disco, Os sons esquecidos. Ambas as dúas actuacións serán ás 20:00 horas no patio do Vello Cárcere. A entrada é libre ata completar cabida.

En canto ás andainas, o día 6 de decembro celebrarase o roteiro Intramuros: o deseño dunha cidade, e o día 9 un itinerario da variante do camiño francés por Anseán, Manán, Laxosa e Santa Comba, baixo o nome Da man dos artesáns. Esta última andaina tamén realizará unha visita a talleres de varios artesáns que teñen os seus talleres no entorno deste camiño. As inscricións tamén se deben facer na Oficina Municipal de Turismo e o punto de saída é a parada de bus da rúa Anxo López Pérez, ás 10:30 horas.

O domingo 9, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá dende as 18:30 horas o espectáculo familiar Gaia, de Entremáns Danza; unha historia en movemento na que a pintura, a música e o audiovisual axudan a descubrir a intensidade, o poder e a beleza das características do planeta e dos tesouros naturais. O importe das entradas é de 5€ para os adultos e de 2,5€ para os nenos e nenas. Venderanse na Oficina Municipal de Turismo e no auditorio, desde unha hora e media antes das actuacións.

f_lugo.gal