La Bodega de la Estrella arrasa no Tapéate de Ferrol

O concello de Ferrol vén de entregar os premios premios do Tapéate 2018 con dobre premio para La Bodega de la Estrella, Premio do Público e Premio do Xurado, polo exquisito bocado que propuxeron coa súa tapa 'Outono en Doniños'. 

O hostaleiro Pablo Fuentes Rial, de La Bodega de la Estrella, recolleu os seus dous galardóns como gañador indiscutible desta edición do Tapéate Ferrol. 
Foi nun acto institucional celebrado no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol, de mans do alcalde, Jorge Suárez, e do Concelleiro de Cultura e Turismo, Suso Basterrechea, asi como dunha representante da Asociación de Hostalería de Ferrol. 

La Bodega repite premio e suma os 500 euros do 1º premio do xurado, cos 300 do premio do Público. En segundo lugar, a cafetería Vanessa de Catabois, co seu Bombón de mexilón de roca, dotado con 400 euros. Recolleu o premio, José Martínez Casas. En terceiro lugar, Taberna Kanalla, de Rubén Vázquez, cunha sorprendente versión do tradicional B(A)okata de chipis, e que levaron un premio de 300 euros. 

Nesta VI edición do Tapéate Ferrol, participaron 31 establecementos de todo o municipio e, a concurso, 19 tapas. En total, servíronse preto de 5.000 tapas do 8 ao 18 de novembro. O número de papeletas recollidas nas urnas foi de 527, das que 26 foron anuladas por non axustarse as bases (faltaban selos ou estaban duplicados). 

No día de hoxe tamén se lles fixo entrega dos seus premiso aos participantes do público premiados no sorteo, que resultaron ser Julia Morrondo, Jesús Iglesias, e Juan Carlos Pérez Castro. 

Tapéate Ferrol é unha iniciativa emprendida pola Sociedade Mixta de Turismo do Concello de Ferrol e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, que co paso dos anos converteuse xa nunha tradición ben asentada e exitosa que foi concebida para dinamizar a hostalería nunha época do ano de certa estanqueidade. 

Este novembro chegou a súa sexta edición, e deixa un gran sabor de boca entre os locais participantes e sobre todo, na veciñanza, que puido saborear unhas tapas novidosas e moi ben coidadas, na elaboración e na presentación.