Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova multiplica por catro a súa poboación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou na inauguración da XII Feira de Artesanía e Antigüidades de A Pontenova, localidade da que tamén é alcalde. Alí destacou que “esta cita, xa consolidada, multiplica case por catro a poboación do municipio en só catro días. Dos 2.300 veciños, A Pontenova pasará a ter durante o evento 8.000 persoas”.

Campos Conde, ao fío do volume de persoas que se achegan estes día á Pontenova, subliñou que, “a esta cita acoden afeccionados de toda Galicia, España e de países veciños como Francia ou Portugal. Moitos dos que se achegarán estes días ata a Praza dos Fornos son persoas que teñen marcada esta cita no seu calendario, como o último evento do ano destas características na provincia. Ademais, a feira convértese nun impulso turístico para a provincia, debido a que os visitantes aproveitan para coñecer o municipio”.

“Dende a Deputación, ofrecemos apoio incondicional á este tipo de eventos, que concentran cultura, historia e tradición. Axudan a manter o patrimonio etnográfico do municipio, ao tempo que contribúe a pór en valor e manter con vida tradicións moi arraigadas no municipio. Esta feira é unha homenaxe aos oficios que antigamente compuñan a forma de vida dos veciños da Pontenova. Con esta festividade, promovemos a tradición e trasladámola aos máis novos”, destacou


Como actividade complementaria, e vencellada á temática das antigüidades, o sábado abrirá a III Xuntanza de vespas, motos e coches clásicos. A mostra, organizada polo Club Vespafaba & Clásico Lourenzá, poderase ver ata o domingo na Praza dos Fornos. O colectivo realizará ademais varias rutas cos vehículos pola zona.