Apoio da Deputación a Cociña Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial cos chefs Miguel González e Marco Varela, promotores da asociación "Cociña Ourense", que o vindeiro mes de xaneiro presentará publicamente esta proposta gastronómica ourensá que conta para 2019 co apoio económico da Deputación e que ten como obxectivo difundir a restauración feita con produtos autóctonos ourensáns.

Esta iniciativa gastronómica "supón un poderoso atractivo para o turismo na nosa provincia e para a promoción da "marca Ourense", afirma Manuel Baltar, quen destaca a gastronomía de Ourense "como unha das mellores sinais de identidade do noso" subliñando "a alta calidade e consideración que o sector agroalimentario de Ourense ten nacional e internacionalmente". Neste sentido, a Deputación e a asociación "Cociña Ourense" organizarán conxuntamente no vindeiro mes de marzo un acto co que darán comezo ás actividades gastronómicas.

Tal e como confirmara hai uns meses o presidente do goberno provincial na primeira reunión que mantivo cos chefs, a Deputación de Ourense "estará ao carón desta asociación gastronómica, pois apoiar o seu labor contribúe a impulsar unha das fortalezas principais da provincia de Ourense: a nosa cociña, exemplo de tradición e innovación, ámbalas dúas trazas da identidade ourensá".

"Cociña Ourense", reúne aos mellores cociñeiros de Ourense e a súa finalidade -unidos ao redor desta iniciativa gastronómica-, é potenciar un turismo de calidade que difunda a excelencia da nosa cultura e os produtos autóctonos.