A Torre de Hércules, a Casa da Navegación de Baiona, o Centro de Interpretación do Cadoval de Mugardos e o Acuario do Grove, as novas incorporacións do REMA

A Fábrica de Sel de Muros acolleu a xuntanza do consello da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, REMA, que tiña como obxectivo aceptar a incorporación de novos espazos a este colectivo. Durante esta xuntanza, os representantes dos museos que vertebran a rede valoraron as solicitudes recibidas e aprobaron a inclusión de catro novos museos: a Torre de Hércules, a Casa da Navegación de Baiona, o Centro de Interpretación do Cadoval de Mugardos e o Acuario do Grove.

Tras estas novas adhesións, a rede conta con doce espazos en Galicia e un centro portugués: o Museu Marítimo de Ílhavo. Todos os centros que forman parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos teñen en común a súa vinculación co mar e teñen o obxectivo de poñer en valor a identidade mariñeira dos territorios aos que pertencen.

A Rede REMA recibiu mostras de interese por parte de máis dunha trintena de museos e exposicións de Galicia, dos cales unha parte importante amosou unha disposición de adherirse á mesma. A presidenta de REMA e alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso Torres, indicou que, en pouco menos dun ano, a rede medrou expandíndose polo territorio galego, así como por outras áreas do Arco Atlántico, posto que varias entidades da Bretaña Francesa amosaron o seu interese pola iniciativa e valoraron a posibilidade de cooperar no futuro.

Ademais de aprobar estas novas adhesións, os responsables do órgano reitor de REMA acordaron volver abrir o prazo para a recepción de solicitudes o próximo mes de xaneiro e valoraron a posibilidade de participar nun proxecto europeo e de cooperación.

De cara ao próximo ano, o plan de actuación de REMA inclúe a creación dunha exposición itinerante para achegar ao público os contidos dos espazos museísticos que pertencen á rede. Ademais, estase a traballar na rodaxe dunha peza audiovisual para a dinamización destas instalacións así coma nunha páxina web.