A Coruña tenta asentarse como unha opción para pasar o fin de ano

"Afondar na idea de descentralización da actividade cultural" é obxetivo en palabras Alberto Lema para a programación e a imaxe das festas do Nadal, cuxo cartel reflicte a luz destas festas ante elementos significativos da cidade e realizado polo ilustrador e director de animación, Alberto Vázquez.

O edil deu a coñecer o programa previsto para a celebración da chegada do Ano Novo que, "repite despois da boa acollida que tivo a aposta o pasado ano dun formato arriscado e novidoso". O espectáculo comeza ás 23.30 horas con Isabel Risco e David Perdomo como encargados de amenizar o paso ao novo ano. Tras as badaladas, chegarán as actuacións musicais a cargo de Los Hot Chocolates e Esteban&Manuel e o reparto do cotillón para o público asistente. 

"Esta celebración de fin de ano contará con difusión por parte do Consorcio de Turismo, xa que tenta asentar A Coruña como unha opción e escolla para pasar o fin de ano e favorecer a chegada de novos públicos que se sumen aos que teñen a tradición", manifestou o responsable municipal. A imaxe do Nadal está realizada este ano polo ilustrador coruñés Alberto Vázquez, "unha figura imprescindible, cunha longa e prestixiosa carreira e gañador de tres premios Goya", indicou Sande, quen resaltou a aposta do Goberno local por primar a idea "dun cartel dun autor que reflicta a efervescencia do sector gráfico da cidade". Vázquez traballou sobre a idea da luz, como representación do Nadal, para o cartel. "Luz artificial, como a das rúas, ou natural, como as das estrelas, que no cartel forman diferentes motivos de Nadal e outras cousas que teñen que ver co noso. Trátase unha escena familiar con cousas típicas da Coruña como o paseo, a torre ou unha gaivota cunha bufanda", explicou.

Tamén se avanzou que a cabalgada de Reis, que este ano sairá do entorno de Riazor cara a María Pita, estará composta por 16 carrozas e acompañada de actuacións destacas. Tanto a cabalgada como a da carreira de San Silvestre contarán cunha presentación específica nos vindeiros días.

A programación municipal, organizada polas concellerías de Culturas, Emprego e Xustiza Social, está distribuída de maneira territorial pola cidade, como incidiu Sande. O Praza de María Pita acolle dende o día 5 de decembro actividades lúdicas, dirixidas especialmente cara aos nenos e as nenas, que poderán gozar das atraccións, actuacións de maxia, teatro, circo e conta contos e visitas a Papa Noel e á Casa dos xoguetes, unha iniciativa que fomenta a reutilización dos xoguetes e a economía circular. Ademais, na entrada do Concello terán lugar unha serie de concertos de panxoliñas, dende o día 15 ata o 29, que ofrecerán distintas agrupacións con arraigamento na cidade e que se abre esta tarde coa actuación do Coro Cantábile tras a inauguración do Belén municipal. Tamén haberá programación complementaria nos centros culturais da cidade. O Centro Ágora acolleu o 11 de decembro o XX Encontro de Música de Nadal ás 18.00 horas, mentres que no Pazo da Ópera terá lugar o día 19, ás 20.00 horas, o XI Concerto de Nadal Padre Rubinos. O Teatro Colón acollerá dous eventos destacado, un o día 20 ás 20.30 horas da Orquesta Gaos titulado Musicais polo Nadal, e o Concerto de Reis, o día 4 de xaneiro, ás 19.00 horas, coa Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia, Nenos Cantores e o Coro Xove da Sinfónica de Galicia.

Esta semana comezaron xa as actividades musicais e culturais nos barrios da cidade, que continuarán nos vindeiros días con actuacións musicais e de cantos de taberna. "Todos os anos dámoslle entidade aos grupos de arraigo e de música tradicional da cidade, ese tecido non profesional pero que ten unha relevancia e expansión enorme durante todo o ano", explicou Sande. Hoxe, ás 20.00 horas, o Coro de Cámara Canta Compaña actuará na igrexa de Nosa Señora do Pilar, no barrio do Ventorrillo. O sábado 15, Pandereteiras Sen Fronteiras realizará un pasacalles ás 20.00 horas no barrio dos Mallos, na rúa Ángel Senra. Xa na semana seguinte, o mércores 19, de novo Cantares Gallegos estará no centro cívico de Palavea ás 20.00 horas, e o xoves 20, a Tuna de Veteranos ofrecerá un concerto na Residencia DomusVi na Cidade Vella ás 18.00 horas. Finalmente, a Asociación Cultural Son D'aquí actuará nas rúas de Monte Alto o 21 a partires das 20.30 horas e a Asociación Cultural Donaire en distintas vías dos Castros o día 22, desde as 12.30 horas.

Toda a actividade nos barrios completarase, ademais, con pasacalles que transcorrerán polas rúas do centro da cidade até chegar á praza de María Pita, e que se desenvolverán os venres e sábados deste mes de decembro, a partires das 20.00 horas. O día 14 e sábado 15 participarán AC Donaire e Son D'Aquí, respectivamente. Na fin de semana seguinte, o día 21 actuará Cantares Gallegos e o día 22 a Asociación de Coros e Danzas Eidos. Finalmente, o venres 28 será a quenda da Asociación Folclórica Aturuxo e o día 29 a Asociación Cultural Donaire pechará a serie de actuacións. A área de Xustiza Social organiza tamén nos barrios campamentos de Nadal, para favorecer a conciliación familiar, que teñen lugar nos centros cívicos e nos centros escolares, dentro do programa Campacoles.

f_ coruna.gal