A Coruña volve a ser distinguida pola agricultura urbana e a alimentación sustentable

A Coruña volveu ser distinguida pola Unión Europea en atención ás súas políticas innovadoras, neste caso aquelas destinadas ao fomento da agricultura urbana e a alimentación sustentable. Así, vén de ser escollida para formar parte da segunda fase do programa Urbact, que se basea na transferencia de boas prácticas nesta materia, xunto a outras seis cidades europeas: Roma (Italia) Vilnius (Lituania), Cracovia (Polonia), Tesalónica (Grecia), Caen (Francia) e Loures (Portugal). 

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salientou "este novo recoñecemento para a cidade e para o traballo que se está a realizar a prol da economía circular e no eido da agricultura ecolóxica e as experiencias de implantación de hortas urbanas dende o goberno local", así como recordou que A Coruña xa foi escollida para participar nesta rede europea na primeira fase de implantación do programa xunto con Roma e Vilnius. 

"Unha vez máis neste mandato estamos a innovar, xa que nunca antes esta cidade se integrara nunha rede deste tipo, de feito, hai poucas experiencias incluso a nivel galego, unicamente en Compostela e Ourense", indicou. O orzamento para a rede, cofinanciado ao 70% pola Unión Europea, é de 600.000 euros.

"Dende hai tempo detectamos que un dos grandes reclamos no eido turístico radica precisamente na súa compoñente como cidade sostible, tanto no coidado do medio ambiente e o fomento e ampliación dos espazos verdes, como mediante as políticas para o impulso dunha gastronomía con produtos de calidade de produción ecolóxica", indicou Lema, quen salientou que a propia pertenza a esta rede europea de cidades "é un polo de atracción en si mesma".