XVI Xornadas Técnicas de Vacún e Leite

"Unha gandería de precisión para as novas demandas" será o eixo das XVI Xornadas Técnicas de Vacún e Leite, que se celebrarán os vindeiros 8 e 9 de novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo 

No acto de presentación, estiveron o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, e o Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández Méndez, acompañados da Presidenta da Sociedade Cooperativa Seragro, Noelia García Santoalla, e dos organizadores das xornadas, Juan Camilo Gómez Hermida e Miguel Varela Cagide.

Fernández Queipo subliñou que “a Deputación, quec olabora con 6.000 euros, mantén dende hai tempo unha estreita colaboración con SERAGRO, e coa organización destas Xornadas, porque consideramos que é necesario un compromiso co sector lácteo, un dos motores da economía da provincia de Lugo. De feito, a nosa provincia representa preto da metade da produción de leite na comunidade, e Galicia é a rexión que lidera o sector a nivel estatal, cunha produción que supón o 40% do total español, o que dá boa conta da relevancia desta actividade para a economía e o emprego na provincia”.

“Consideramos que é preciso que as administracións destinemos fondos e recursos a seguir potenciando a actividade agrogandeira, para que máis xente poida vivir no campo e cunha mellor calidade de vida e para facilitar que cada vez máis mozos se poidan incorporar ao sector primaria”, destacou.

A asistencia a ambas as dúas xornadas será libre e gratuíta. As novas tecnoloxías ocuparán un lugar destacado dentro da programación desta décimo sexta edición.