Tras un ano de parón, volta o Rally Comarca da Ulloa

Esta fin de semana -16, 17 e 18 de novembro-, celébrase o X Rally Comarca da Ulloa, tras un ano de parón participarán 70 pilotos na última proba do Campionato Galego de Rallys de Asfalto.Son en total 266 quilómetros, uns 80 contra crono.

O venres, 16 de novembro, disputaranse as verificacións administrativas e técnicas. O sábado 17, os motores comezarán a ruxir na Comarca da Ulloa. Ás 08:00 horas está previsto que tome a saída o primeiro participante desde o parque pechado de Monterroso, a onde volverán os pilotos unha vez termine a competición, a partir das 21:00 horas. O itinerario está composto por catro treitos a dobre pasada. O epicentro da competición será en Palas de Rei. 

Está organizado pola Escudería Mix Rally Sports, cunha achega de 24.000 euros o principal apoio económico da Deputación de Lugo. Os Concellos de Monterroso, Palas de Rei e Melide –polos que transcorre- achegan un total de 18.000 euros –son 6.000 euros por municipio-. A Xunta, administración galega coas competencias en deportes e a de maior orzamento público, decidiu aportar 7.000 euros.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, explicou que e destacou que “agardo que centos de persoas visitan e desfruten da Comarca da Ulloa esta fin de semana. Dende a Deputación, facemos todo o posible para a súa celebración porque defendemos e cremos nos profesionais do motor e nesta modalidade deportiva como un revulsivo ou dinamizador social e económico da nosa provincia. Temos convertido á Deputación na principal colaboradora de todas as citas automobilísticas da nosa provincia: o Rally da Ulloa, de San Froilán ou as Subidas a Chantada e á Pontenova. Somos a primeira institución en España que ofrece axudas directas aos pilotos de Rallys. Cremos en vos, cremos no mundo do motor e agardamos que esta décima edición do Rally da Ulloa sexa todo un éxito para a nosa provincia e de xeito especial para a Comarca da Ulloa”.